Final Fantasy V. Capítulo 2

Claramente nesta entrega de Final Fantasy colléronlle agarimo ao de permitir o acceso a zonas novas a través de vehículos; a ver se non esquezo ningún. Comezamos a aventura camiñando e montando un chocobo, pero pronto teremos certa liberdade de movemento marítimo a través dun mar interior grazas ao noso primeiro barco. Pouco máis tarde adoptaremos un dragón voador de baixa altura que non pode sobrevoar os cumios máis altos. Logo empregaremos un teletransportador a outro continente no que obteremos outro barco, ao que non lle poderemos coller moito afecto porque non tarda moito en afundirse. Por sorte, hai un chocobo voador (o primeiro só sabía correr) que nos axudará a continuar a aventura e atopar a nave voadora tan típica desta saga. Entón só faltará mellorala para chegar máis alto e, finalmente, empregar un meteoro para viaxar a un mundo totalmente novo. Resulta unha media dun novo medio de transporte por hora de xogo! Non está mal para ser un xénero que a miúdo adoece de meter palla para estender artificialmente o tempo de xogo.

Deixei a partida gardada nese segundo mundo, após volver a reunir o cuarteto protagonista. Por fin coñecemos de primeira man ao malo da historia: Exdeath. Na entrada anterior escribín que seguramente habería dous niveis de viláns, manténdose un deles nas tebras até que non lle quede outra opción que interceder. Pero agora que sei que o inimigo principal leva por nome Exdeath, e que xa foi selado no pasado, non o teño tan claro. A cuestión será se todos os sucesos desencadeáronse por algún motivo que inda non coñecemos ou se de verdade os cristais do mundo de Lenna e compaña estouparon todos á vez porque foran levados ao límite por tentar extraer tanto poder deles a través de máquinas. Eu preferiría trocar a narrativa clásica da saga e que esta última fose a verdadeira razón, pero de seguro que hai algo corrompendo aos habitantes do primeiro mundo e manexando os fíos.

Na última parte deste tramo si que notei un incremento da dificultade dos combates, chegando a ter que repetir algúns poucos porque os rivais esnaquizaron ao meu grupo. Agás nunhas poucas ocasións, non troco as clases dous meus protagonistas para enfrontarme a desafíos concretos, xa que vou preferindo o de pensar máis para os compases finais do xogo, inda que falte moito polo de agora. Ao contrario ca na segunda entrega da saga, non hai penalización ningunha por trocar de clase, pero a miña teimosía levoume a enfrontarme contra Gilgamesh co meu mago branco. Nas primeiras quendas conseguín inutilizalo co feitizo de mini, e logo batín contra el unha morea de veces cun pau até que decidiu fuxir. E menos mal, porque xa comezaba a pensar que bloqueara o xogo e ía ter que reiniciar para probar unha nova táctica logo de tanto tempo! Lembroume ao asasino ese que te mata lentamente cunha culler.

As diversas profesións que podemos escoller para os nosos personaxes son bastante variadas e inclúen algunhas coma bailarín ou mediadora que nunca vin nun xogo cronoloxicamente anterior. Vou probando algunhas de pouco en pouco, pero quizais funcione mellor como desafío autoimposto o de escoller composicións ao chou en cada fase ou pasada do xogo. O manual orixinal desta versión está en xaponés e non quero buscar outro tipo de guías ou axudas externas á mesma, polo que tampouco teño moi claro como funcionan os niveis das profesións e se teñen efecto nas potencias das habilidades ou se unicamente desbloquean outras novas. Eu estou asumindo que so porque ten máis senso, pero tampouco me preocupa abondo como para facer algunhas probas empíricas.

E así vai polo de agora. Veremos se aparecen novos xiros interesantes no mundo de Galuf, inda que xa supoño que volveremos á outra dimensión inicial nalgún momento porque hai unha pirámide moi sospeitosa no medio do gran deserto de areas movedizas que nunca tivemos ocasión de visitar. Mais iso, como moi cedo, será na seguinte entrega. Semella que inda hai moito camiño que percorrer; non sei cantos novos medios de transporte haberá nese futuro!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.