<<

Final Fantasy V. Capítulo 4

Esta é a última entrada sobre este xogo, e o xiro final consistiu en que o mundo ao que cheguei no anterior capítulo consistía nunha superposición dos dous anteriores: o de Butz e o de Galuf. Comezaremos visitando a misteriosa pirámide, que xa me dera que falar no meu primeiro paso por esa zona, e atopando alí a primeira das tabletas que precisaremos para poder obter as armas lendarias. A idea de todo este derradeiro capítulo é facernos fortes para plantarlle cara a Exdeath e desfacer todas as maldades que planea, estendendo o baleiro polo planeta. Poderemos volver a moitos dos lugares das anteriores aventuras neste videoxogo, pero non todos serán interesantes nin reflectirán a nova normalidade. Mais foi nunha das vilas iniciais onde puiden aprender agora, un pouco de casualidade, un detalle ben importante sobre o sistema de profesións.

Resulta que cada oficio con nivel de mestre que teña un personaxe transmite as súas estatísticas base e habilidades innatas aos traballos de mímico e ao inicial. Desta maneira, ademais de poder personalizar un par de habilidades, tamén teremos outras vantaxes pasivas que serán estritamente mellores ca a profesión dominada. Dentro do xogo non fica claro como funciona exactamente e mirar unha guía réstalle graza ao asunto, xa que hai algunhas opcións moito mellores ca outras, pero a idea da mecánica convenceume. Tamén recordoume aos sistemas de renacemento de moitos MUDs, coma o Aardwolf, onde podemos volver ao primeiro nivel logo de acada o máximo nunha clase, obtendo bonificacións polas molestias.

Volvendo ao tema que nos ocupa, neste tramo conseguín unha morea de puntos de oficio, algúns como intercambio pola miña gran colección de elixires, uns trocos que seguramente non foron de todo eficientes porque os obxectos son ben careiros e boteinos un pouco de menos na derradeira loita. Mais, coma xa dixen, o obxectivo desta sección era acumular o máximo poder para frear ao malo, e os oficios son unha desas fontes de poder. Pero tamén obtiven poder dalgunhas invocacións poderosas (Bahamut fixo un bo traballo; o resto, non tanto), de tres das doce armas lendarias (katana, espada e lanza; non me deixaron coller máis) e puntos de experiencia para chegar aos primeiros niveis da cuarta decena. Curiosamente, nesta entrega, as pelexas obrigatorias non outorgan puntos de experiencia, non sei se para permitir autodesafíos de superar o xogo a niveis baixos ou se ten outra razón de ser.

Non parece que os niveis dos protagonistas sexan o máis importante para superar o xogo. Tampouco creo que o de desbloquear as armas poderosas e os diferentes espers sexa obrigatorio, porque o acceso ás zonas finais está aberto dende ben cedo e non atopei ningunha razón narrativa que puidese funcionar coma unha barreira. Por tanto, a loita final, contra a árbore máis maléfica da historia da fantasía, dependo do coñecemento das mecánicas e o bo facer do xogador, non sendo unha das máis esixentes da saga. Non obstante, eu fracasei non meu primeiro tento moi pretiño do final, pero acadei a vitoria de maneira axustada no meu segundo intento logo de afinar as habilidades dos protagonistas e as miñas tácticas, especialmente para maximizar o dano en área da miña samurai, que non fixo outra cosa que lanzar cartos a esgalla contra o inimigo.

O final rematou cunha nota positiva. Logo de vencer a Exdeath, as xentes que foran absorbidas polo baleiro volveron ao mundo. No miña loita Cara rematou petrificada, e na narrativa subsecuente non foi capaz de fuxir da zona entre mundos onde se desenvolveron os feitos. De maneira personalizada por vez primeira nos Final Fantasies, houbo un epílogo onde aparecían os mellores momentos da rapaza en forma de recordos emotivos. Pero, por sorte, logo de varios meses sen ela, logrou atopar forzas e resucitar porque inda non era a súa hora! Esta foi tan só unha das múltiples combinacións que dan lugar aos seus cadanseus epílogos, pero eu me quedo con este en lugar de intentalo de novo con todos sobrevivindo á loita final, xa que desta maneira é máis persoal.