For the Queen. Pola raíña reptiliana

A primeira vez que xoguei ao rol debeu ser en torno ao troco de milenio. Atopara un manual da segunda edición de Dragones y Mazmorras en castelán en formato de axuda de Windows, que servía ben coma guía de referencia pero non era unha boa iniciación ao rol. Con iso e moita imaxinación conseguín lear a uns compañeiros de clase para facer algo semellante a unha partida de rol, e dende ese intre converteuse nunha nova obsesión. Inda que ben sabiamos que rol era sinónimo de interpretación, e así o contábamos a que nos preguntase, cando xogabamos o entendíamos máis coma liberdade de facer o que nos petase neses mundos de fantasía (as outras ambientacións verían máis tarde), xa que a personalidade dos nosos personaxes estaba supeditada á nosa. Era unha posición ben cómoda que, dunha maneira ou outra, empregaría durante os seguintes dez anos; e tan feliz. Supoño que esa experiencia será moi similar á que poden ter os meus coevos e, especialmente, aqueles que comezaron algunhas décadas antes. Nos tempos recentes aprendeuse máis dos xogos de rol e estendéronse outras execucións que poden ser máis introspectivas ou máis libres ca os clásicos do xénero. Tal é o caso deste For the Queen.

Por mor do Rolsticio de inverno de Galicia rolera acabei apuntándome a unha partida o pasado sábado. Sen coñecer nada do sistema, alén de que empregaba cartas e a decisión do xiro final, en tres minutos xa controlaba as escasas mecánicas, inda que tardaría máis en decatarme de como quería ser xogado, xa que unha cousa e sacar unha carta ao chou para respondela e outra distinta o de ser capaz de facer ou responder máis preguntas sobre o tema (algo semellante ao que me sucedeu co Fiasco). Para min inda non resulta cómodo ter toda esa liberdade e o foco exclusivo nas miñas palabras: a pesar de ter máis horas de xogo coma director que coma xogador é algo que sempre require un esforzo considerábel pola miña parte, acentuado desta vez pola presenza de compañeiras novas e esa barreira adicional de non vernos en persoa. Supoño que por iso tendo máis á descrición de escenarios que a interaccións sociais cando dirixo. Nembargantes, coido que desta vez apañei máis ou menos ben!

Ao comezo escollemos, por consenso, a unha raíña de pel loura cun simpático lagarto nas mans. Ao longo de dezanove cartas e algunhas preguntas adicionais, estabelecemos diferentes verdades sobre a raíña, a comitiva e os nosos personaxes. Eu axencieime ser o único escolta do grupo, con problemas de autoestima e moito agarimo pola raíña e o seu lagarto, autoasignándome a tarefa de conseguirlle comida a este último e un xampú a base de musgo (foi o que se me ocorreu no momento!) para a primeira. Tamén levabamos o xastre da raíña, un bébedo con moitas deformidades cuxa inclusión na comitiva nunca estivo moi clara, pero que tiña que ter algo escuro porque o lagarto da raíña non lle sacaba o ollo de enriba. Máis preto da aristocracia tiñamos a unha dama de compaña, posuidora dun artefacto misterioso e máxico en forma de caixa que terá a responsabilidade de abrir se a raíña así o pide; pode que esta dama tamén teña certa relación coas forzas sobrenaturais porque é capaz de sentir a súa presenza e prevé que non volveremos todos desta comitiva. Por último, o contacontos: confidente da raíña en todo momento e o encargado de manter os ánimos altos; ten unha tráxica historia familiar cunha irmá morta por culpa da raíña e a súa caixa máxica, mais endexamais deixou que iso influíse aparentemente na súa relación.

Non obstante, na hora e media que durou a partida foron aparecendo máis e máis eivas referentes á raíña e ás súas relacións coa comitiva. Todo estalou nos compases finais cando os inimigos atacaron e, non só non houbo ninguén para protexela, senón que incluso o contacontos púxoa preto da caixa para consumar unha fría vinganza. Sen dúbida, cando as noticias cheguen ao reino, moitos chorarán a súa perda, pero tamén se rumorea que o sangue que corre polas súas veas podería ter máis en común co seu sempre próximo lagarto que con aqueles que xuraron protexela na fatal comitiva.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.