<<

Entrevista castrapo

A finais do ano 2020 publiquei a primeira versión de Entrevista castrapo, un pequeno xogo de rol en solitario dunha única páxina que podedes atopar no Internet Archive, itch.io e DriveThruRPG. Púxeno en modalidade de pagar o que queirades pero non teño moito interese en que vos deixedes os cartos por aí, así que vos invito a todos a descargalo de balde e botarlle un ollo. Ten ademais a licencia máis permisiva posíbel para que vos sintades libres de facer o que vos pete co mesmo: regalalo, distribuílo, traducilo, aproveitar o sistema para outro escenario, etc. Obviamente gustaríame saber se finalmente alguén o emprega para algo, pero non hai ningunha obriga.

A idea viume logo de atopar unha enquisa que, entre outras cousas, preguntaba se empregaría o galego nunha entrevista de traballo. Xa tiña na mente facer algún microxogo de rol en galego para contribuír ao crecemento do mesmo, e pensei que o tema de situalo nunha entrevista que mesturase os idiomas do país faría que non só fora un xogo en galego, senón tamén un xogo que funcionase por ser en galego, da mesma maneira que os de #Feminism (unha inspiración moi clara) fano por centrarse no punto de vista das mulleres.

A primeira intuición era integrar dous xogadores, un facendo de entrevistadora e outro de entrevistada, pero confesarei que a verdade é que non era un tema que quixera explorar tanto coma para involucrar a outra persoa nas probas, polo que acabei optando por unha experiencia en solitario. Empregar unha baralla española pareceume boa idea dende o comezo, tamén contribuíndo un pouco á ambientación. Establecer o escenario inicial con catro cartas foi bastante obvio e logo procurei maneiras de empregar as trinta e seis restantes (logo de sacar oitos e noves como tamén é tradicional) para a parte máis activa do xogo. Non obstante, a versión final só emprega outras vinte para as preguntas e respostas, abondo para que a experiencia non se faga moi longa. Emprega unha mecánica baseada nos xogos de bazas coma o tute, co xiro de que non é preciso asistir para gañar a baza, pero si para manter os ideais. Inda que ó final hai unha pequena avaliación coma resumo da entrevista, non pretendo que se entenda a mesma coma un criterio de gañar ou perder a partida, xa que quería poñer énfase máis na parte de interpretación.

Que a entrevistadora falase castrapo foi un troco de última hora, xa que até entón desenvolvíase en castelán. Metendo esta variedade conseguín dúas cousas importantes: facer que o experimento fose inda máis galego e facer que o xogador tivese que facer un esforzo para construír as preguntas desa maneira, quizais aumentando o seu coñecemento das diferenzas entre o galego e o castelán. Tiña algúns exemplos de preguntas preparadas no borrador das regras, pero foi do primeiro que tiven que eliminar cando comecei a preocuparme para que entrasen nunha única páxina.

Para a presentación final probei varias alternativas pero rematei no meu xa coñecido LaTeX, cun padrón para facer regras estilo Dungeons & Dragons que adaptei un pouco para as miñas necesidades. Tiven que facer moitos sacrificios á redacción para que coubese nunha única páxina, pero foi un exercicio interesante que case me levou máis tempo que o resto do proceso. Con todo, cumprín o meu obxectivo de rematalo antes do final do ano e agora xa teño un pouco de coñecemento de todo o proceso por se quero facer algún outro xogo máis interesante nun futuro. Estou máis contento por telo rematado e publicado que polo resultado do esforzo, pero pouco gañaba gardándoo no caixón dos proxectos inacabados.