<<

Castlevania: Bloodlines

Este Bloodlines da Mega Drive é un dos dous Castlevanias que chegaron a consolas de Sega, e o único que o fixo con exclusividade. Outro dato interesante é que tamén inclúe o único personaxe oficialmente español da saga. Cun nome tan castelanísimo como Eric Lecarde, non puiden facer outra cousa que escoller a este segoviano en lugar do outro protagonista, o estadounidense John Morris que, por moito que sexa o posuidor dun látego de lenda, semella algo parvo cas ombreiras por riba do chaleco. Pola súa banda, Eric prefire amosar as súas musculosas pernas ao mesmo tempo que emprega a súa lanza para trinchar ás forzar do mal e facer uns saltos espectaculares. Esta habilidade, contraposta á de colgarse do teito co látego de John, será a que lle permitirá atravesar os mesmos escenarios ca o americano pero por rutas lixeiramente diferentes.

Nas anteriores entradas sobre outros xogos desta mesma saga matavampiros ía avanzando un pouco sobre o meu progreso neste Bloodlines. Mais este artigo propio non quere dicir que finalmente rematase esta aventura, xa que me rendín polo de agora logo do meu primeiro paseo polo sexto e derradeiro capítulo. Conseguín chegar cun par de vidas e todas as continuacións, e fun progresando pouco a pouco polo complicado e confuso deste castelo final. Pero ao atoparme cara-a-caveira coa morte e a súa barallas que nos obriga a loitar contra varios dos xefes anteriores, de maneira consecutiva e sen poder perder vidas, ao igual ca no ActRaiser, baixáronseme as ganas de facer un último esforzo. Ao perder aí todas as vidas, e sen moita motivación, busquei un vídeo para saber se faltaba moito. E, efectivamente, inda tería que vence en seis loitas contra os xefes finais. Non estaba nin preto de rematar, así que deixei apuntados os contrasinais e aparquei a aventura.

Ese tema dos contrasinais é curioso. Tras superar cada nivel obtemos un no que non se codifica unicamente o punto da historia superado, senón que tamén inclúe a información sobre cantas vidas e cantas continuacións nos quedaban nese momento. Desta maneira serve coma un punto de gardado case exacto, xa que o único estado que se perder é a puntuación actual, que non inflúe en nada, e as cargas da arma principal de das subarmas. Porén, a estratexia que seguín ante cada novo nivel foi repetilo até que fose capaz de superalo sen perder ningunha vida, a sabendas de que ía precisar toda a axuda posíbel para rematar o xogo. Foi unha experiencia interesante que me levou a dominar as primeiras catro pantallas; na penúltima deixeime levar e gardei o contrasinal con dúas vidas perdidas para poder ver o final. Sempre poderei volver a intentalo sen penalizacións porque coido que non é tan complicado.

Pero para chegar a ese último escenario inglés tiven que percorrer boa parte da Europa da primeira guerra mundial, un conflito que a vilá antagonista puxo en marcha para espertar a Drácula. Precisamente comezaremos nas ruínas do seu castelo en Romanía, nun primeiro nivel moi clásico e sen moitos trucos. A seguinte para será nos mares gregos, concretamente na mitolóxica Atlántida onde a auga será un inimigo importante. Cruzaremos o mar até Pisa, onde subiremos pola famosa torre inclinada cuns efectos visuais curiosos. Na Alemaña teremos que infiltrarnos nunha fábrica de armas chea de esqueletos, algúns con metralletas! De aí pasaremos aos xardíns e o palacio de Versalles, que rematará nunha loita contra a pantasma de María Antonieta convertido en couza xigante.

O castelo inglés no que transcorre o último acto é inventado e non o coñezo tan ben, xa que non o explorei na súa totalidade. O que é seguro é que dispararon ao máximo os efectos visuais que xa nos acompañaron no resto da partida. Destaca esa pasaxe que se atopa coma dividida en dous planos superpostos, que aporta confusión e un ar de estrañeza que lle presta ben a un lugar tan próximo ao Príncipe das Tebras. Moi orixinal e tamén moi difícil, coma o resto do xogo. Deixo polo de agora o de intentar completalo, pero me gustaría facer algún esforzo outro día e tentar polo menos avanza até ver a Drácula. Mais a seguinte vez seguramente será no Aria of Sorrow da Game Boy Advance: máis doado e moderno.