Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Capítulos 4-7
Cando rematei de escribir a anterior entrada sobre este xogo xa sabía que habería novos sistemas introducidos nos sucesivos episodios. E abofé que si! Ao pouco de comezar con esta nova serie de capítulos xa tiña control dalgunhas edificacións novas, un sistema de construción de áreas máxicas que non volvín a empregar e novos alxubes opcionais. A verdade é que non controlo moito da meirande parte das cousas que se atopa dispoñíbeis, pero vou amañando coas básicas namentres sexa abondo. Un pequeno problema loxístico que teño é que a miña vella PSP ten a panca analóxica estragada. Non contaba con que un xogo destas características tivese necesidade dela, pero xa dende o comezo vin como se ofrecía coma atallo para accións contextuais, nada que non se puidese facer navegando polos menús. Non foi até fai pouco cando me decatei de que non podía ver as características avanzadas dos obxectos, e por iso non entendía moitas particularidades dos mesmos.
Debido a iso, barallei dúas opcións: deixar o xogo até que arranxe a panca ou tirar totalmente de guías externas para comprender os obxectos e, xa de paso, tamén o resto de sistemas e estratexias. Ao final non optei por ningunha delas e continuei igualmente sen esa información. Malo será. Inda descubrín ao final desta sesión que hai outro menú onde aparecen os estados que afectan ao personaxe principal, polo que podería axudarme un pouco a identificar esas cousas. Non descarto tirar de guías nun futuro para descifrar os sistemas máis opacos e enfocalos ben para enfrontarme a todo ese contido adicional, para o que seguramente fará boa falla todas as axudas posíbeis. Outra alternativa sería adicarlle horas até que entenda ben todo, pero tamén teño curiosidade por saber a forma máis efectiva de incrementar todas esas estatísticas básicas.
No comezo desta segunda serie de partidas centreime máis que nada nun par de alxubes adicionais alleos ás tramas principais. Non era tanto por obter máis poder coma por non involucrarme na historia. Cada vez que entramos nun alxube ligado a un capítulo teremos unha introdución aos personaxes nos que se centrará o mesmo. Cada certo número de niveis descendidos no alxube haberá algún avance na trama e se exporá mellor a alegoría. Normalmente serán temas de temores adultos bastante serios e cos que podemos simpatizar facilmente, inda que sempre son amosados dende un punto de vista humorístico. Non é que non encaixen co resto da ambientación, pero ás veces prefiro non ter que lle prestar atención a tantos diálogos e simplemente explorar algún alxube sen máis pretensións que intentar sobrevivir o máximo posíbel.
Finalmente puxen os meus esforzos en avanzar nos capítulos e non foi tan complicado coma agardaba, pero iso non quere dicir que non suase un pouco. Tiven que aproveitar ben todas as mecánicas e, inda así, na pelexa final contra un submarino, sobrevivín na derradeira quenda logo de moitos minutos de tensión nos que rematei co meu gran alixo de medicinas. Foime mellor no sétimo e último capítulo desta serie, pero principalmente porque abusei sen vergoña ningunha da resurrección permanente de dous zombis, que outorgaban puntos de experiencia cada vez que os mataba. Estiven aí gañando unha morea de niveis con pouco esforzo e menos risco, aproveitando que posuía comidas e curacións abondo. Cando cheguei ao xefe-crebacabezas dese episodio nin el era capaz de facerme deligras cos seus ataques máis poderosos.
E aí foi onde decidín poñer un freo temporal. Logo dunha ducia de horas supoño que aproveitarei a inercia e tentarei finalizalo coas mesmas estratexias e sen profundar moito máis nas mecánicas de modificación de corpo, que son as que máis poden influír nas estatísticas se se empregan ben, inda que eu recheo esas casas ao chou cada vez que volvo dun alxube. Se teño éxito desta maneira, mirarei, logo de rematar a historia principal, todas as guías, foros e semellantes para entendelo ben. É moi cedo para saber se afrontarei parte do contido adicional con eses futuros novos coñecementos, polo que non prometo nada.
- Tempo de xogo: 14 horas.
- Niveis totais: 358.
- Maior dano feito: 903.
- Maior dano recibido: 304.
- Inimigos destruídos: 1743.
- K.O. propios: 11.
- Alxubes invadidos: 40.