Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Capítulos 8-X

Este xogo clasifícase coma roguelike inda que teña unha relación curiosa coas mortes do protagonista, e eu diría que toma moitas máis cousas dese xénero ca moitos outros que comparten etiqueta. Os alxubes son xerados ao chou, seguindo o espírito dos clásicos con salas grandes unidas por corredores. As variacións principais inclúen ocos ou edificacións nas habitacións, elevacións de terreo e algún pequeno truco particular de cada alxube. Estes trucos danlle personalidade a cada escenario simplemente cunha característica ou regra adicional, coma salas que desaparecen despois dun tempo ou canóns que transportan a un punto ao chou. Combinando todas esas cousas hai moitas máis opcións tácticas que simplemente con esas habitacións rectangulares tan habituais. Tanto os deseños novos coma os máis clásicos poden tomar boa nota!

O que é certo é que os alxubes non encaixan en absoluto coa historia que se conta en cada capítulo, e nin sequera intentan explicalo ou xustificalo. Ten toda a pinta de que ambas cousas foron deseñadas totalmente por separado, pero tería máis interese se ambas encaixasen, polo menos nun sentido amplo. Por exemplo, podería haber unha mecánica na que os monstros desaparezan de súpeto no episodio que se desvela que o protagonista e a súa irmá foron secuestrado cando eran pequenos. Porque si, na parte máis narrativa non se garda ningún medo posíbel. Por se o do secuestro non fose abondo, neses momentos tamén aprendemos que, inda que os nenos foron salvados, os pais desbotaron as súas propias culpas no lombo do primoxénito, deixándoo de considerar parte da súa familia.

Todo iso pasou no mundo “real”, pero a parte activa sucede nunha Terra “bizzara” que ten equivalentes de todos os habitantes da outra dimensión. A misión de cada capítulo é axudar a un personaxe real que se viu dalgunha maneira decepcionado polos aparentes fracasos do heroe protagonista. No mundo bizarro as verdadeiras emocións saen á luz e, por unha ou por outra razón, haberá unha loita final para darlle un último empurrón anímico. Isto non é unha excepción no décimo capítulo, que serve de fin lóxico á aventura. O carallo neste caso é que o encontro contra o xefe final non ten truco: estará agardando nunha casa particular e nin sequera teremos ángulo para atacalo a distancia dende moi lonxe. Os estudantes máis aplicados aproveitarán as leccións aprendidas durante toda a campaña. O resto, coma min, camiñará dereito contra o inimigo de nivel setenta e agardará que a deusa da sorte sexa máis benévola con un ca a deusa do sentido común. Pero non estiven afortunado.

Volvín a un alxube opcional para gañar algúns niveis adicionais, coller algo de equipamento adicional e poñer a miña mente en orde para intentalo de novo. De volta no último escenario da historia, abusei dos zombis para gañar bastantes niveis no último alxube, pero non foi abondo e o xefe final deu boa conta de min outra vez. Para a que sería a incursión definitiva boteille un ollo aos foros do xogo, pero non me contaron nada que non soubera. Aproveitei para trazar un plan, mercar modificacións para mellorar as armaduras e gardar un equipamento axeitado para o cara-a-cara final. Outra vez aproveitei os zombis, esta vez cun espello de por medio, para gañar experiencia até que aburrín de premer o botón constantemente. Cando cheguei a carón do xefe perdín unha quenda activando o modo de súperheroe, pero conseguín gañar a batalla con menos do cinco por cento de vida restante.

Nese momento comezou un longo final con algúns puntos de interacción para concluír a historia oficial, todo dobrado ao igual ca o resto de liña de diálogo que case nunca ouvín. Sen avisar, o xogo comeza de novo mantendo a forza do protagonista, polo que esta vez poderemos gozar dun final alternativo no que o perigoso inimigo é vencido no primeiro encontro co noso heroe. Agora non teño máis interese en seguir coas aventuras por estes lares, xa que postos a indagar nos roguelikes consoleiros prefiro probar algún Shiren, Mystery Dungeon ou ese Azure Dreams que me introduciu no xénero sen eu sospeitalo. Polo de agora non teño plans inmediatos para nada semellante, inda que si que me volven as ganas de programar un pouco, se cadra procurarei algún de código libre para colaborar inda que só sexa un pouco.

  • Tempo de xogo: 20 horas.
  • Niveis totais: 562.
  • Maior dano feito: 6941.
  • Maior dano recibido: 1379.
  • Inimigos destruídos: 3457.
  • K.O. propios: 13.
  • Alxubes invadidos: 46.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.