<<

Teles & Gaitas

Aproveitando o empurrón de Entrevista castrapo e dunha partida ao Menos samba e mais trabalhar lanceime a facer un novo xogo de rol dunha páxina, desta vez coas mecánicas do Lasers & Feelings. Podédelo atopar no Internet Archive, itch.io e DriveThruRPG, sempre de balde, entre outras cousas porque a licenza non permite lucro. O que si que permite é que todos o baixedes e o distribuades libremente. E se alguén quere probalo, hai unha partida programada para o 26 de febreiro no Discord de Galicia Rolera! Os interesados xa estades tardando en apuntarvos!

Logo da partida de Menos samba, na que eramos tan só dous espías, pensei en que sería interesante facer unha versión baseada en Mortadelo e Filemón. Non sabía que xa houbo un tento serio de publicar un xogo oficial da curiosa parella nos anos 90, con seguramente mellores ideas (adaptadas ao seu tempo) das que puidera ter eu (a característica de cambiazo é moi boa idea!). Co tema de espías cómicos na cabeza, tirei outra vez cara a miña terra co obxectivo de imaxinar como sería unha aventura por aquí. Xa tiña na mente facer algún tipo de homenaxe a Luar, quizais cos xogadores tendo as responsabilidades de asegurar que todas as seccións do programa saian ben, polo que o de arrexuntar espías cos programas da televisión galega non foi un salto moi longo.

Inda que moitos renegan da TVG (a televisión, non a axencia que me inventei) ten unha morea de programas máis ou menos clásicos que conseguen uns datos de audiencia bos (xa se iso significa algo positivo non me meto). Teño lembranzas de cativo do Luar, Tardes con Ana, Supermartes, etc. E hoxe sintonizo de boa gana cousas como Grandes Lugares ou Cos pés na terra. A miúdo, cando se fala de cultura galega, as conversacións viaxan cen anos ou máis até Rosalía de Castro ou a revista Nós, pero Gayoso tamén é parte da idiosincrasia galega e máis coñecido ca a pobre Filomena Dato (tampouco valorarei este dato). Á hora de compoñer o xerador de aventuras elixín programa e personalidades, coma o devandito Gayoso, que moitos dos crecidos en Galiza coñecerán, procurando que non sexan famosos fóra. Ao igual ca na Entrevista castrapo, quería conseguir unha experiencia que fose tipicamente galega, e esta non é nada extrapolábel a outros contextos.

Obviamente a dicotomía entre teles e gaitas serve tanto para marcar a diferenza entre o modernismo e o tradicionalismo coma para compoñer a palabra telegaita que tanto se emprega para referirse á TVG. As mecánicas xa están ben probadas en tantos hacks do Lasers & Feelings que me aventurei a publicar esta primeira versión sen probala. Supoño que funcionará ben cun director de xogo axeitado e que, como mínimo, non molestarán para contar unha boa historia. Quixen tamén engadir a posibilidade de que os xogadores podan incluír contido cada vez que se dea a rolada de telegaita (o cal é bastante probábel), porque é unha desas mecánicas que me gustan dos xogos máis modernos.

En fin, aí vos queda o meu pequeno homenaxe á televisión galega. Se alguén a pon en práctica e quere contarme que tal foi estaría encantado de sabelo. E se alguén ten contacto con Esther Estévez o algún outro dos mencionados na única páxina de regras, que llo comente, que un pouco de publicidade ao rol en galego nunca vén mal!