<<

Jaws e Karate Kid

A cuarta película de Tiburón tivo uns dos calendarios, dende a concepción até a emisión, máis apurados das grandes producións dos anos oitenta. Catro meses após a súa estrea, os estadounidenses xa podían revivir a experiencia nas súas Nintendos con este Jaws. Non sei se a narrativa é similar entre a película e o videoxogo porque non lembro moito dela, pero de seguro que os compradores deste último obtiveron un produto á altura. É unha mágoa entón que a altura do filme se atope por debaixo do nivel do mar, porque o xogo tamén fai augas por todos os lados.

O xogo ten varias fases ben definidas. Primeiro manexaremos un barco, navegando dun punto a outro (e logo ao revés) para mercar melloras que nos permitan pescar ao gran tiburón. De cando en vez o barco freará e teremos que mergullarnos co arpón, esquivando e aniquilando medusas, raias e outros tiburóns, xa que é a única maneira que temos de obter cunchas, a moeda do xogo que é requirida para superalo. Hai que facer unha mención especial ás pantallas de bonificación, nas que manexaremos un avión para bombardear, literalmente, a unhas pobres medusas que fan natación sincronizada. Se fora outro tipo de xogo poderiamos pensar que é unha esaxeración para amosar até onde pode chegar a humanidade na súa loita constante contra a natureza. Per non, de seguro que ninguén puxo en cuestión semellante atentado contra a fauna mariña.

No meu segundo tento acadei unha morea de puntos, comprendín ben o funcionamento de todas as mecánicas, agás as do encontro final, onde temos que empregar luces estroboscópicas para facer que o protagonista brinque fóra da auga e poder así empalalo. Logo do fracaso vin algúns vídeos sobre como conseguir a vitoria, ademais de como chegar a ese escena nun amén, xa que non é preciso obter máis de tres niveis de poder. Con toda esa información levoume sobre unha hora adicional, con algúns reinicios polo medio, chegar de novo a ese encontro final e mandar o tiburón xigante ao fondo do mar. Non é a escena máis satisfactoria da historia dos videoxogos pero é abondo para que lle poda poñer punto final e trocar a xogos máis interesantes. O que non sei é por que demos escollín o Karate Kid da mesma Nintendo.

Neste outro caso o videoxogo foi publicado tres anos despois da película que leva o mesmo nome e un despois da súa secuela, polo que, en teoría, non debería haber tanta présa para sacalo á venda; pero inda así cumpre todos os requisitos para tamén formar parte dese grupo de videoxogos con pouco interese lúdico cuxo principal obxectivo é aproveitar a sona da creación orixinal para vender a esgalla. Confesarei que, de primeiras, enganoume, porque o comezo trata dun pequeno campionato de un-contra-un que semellaba interesante. Mais, cando anesgamos ao outro finalista e pasamos ao segundo nivel, o xogo troca converténdose nun deses clásicos da época, coma o Vigilante, nos que nos movemos linealmente matando clons dun só golpe até chegar ao final.

A aventura só ten catro niveis, co primeiro que xa comentei facendo as veces dun titorial, inda que é probábel que fose un acerto sen pretendelo. O terceiro nivel trae a novidade de ventos furacanados que sopran na contra do protagonista, facendo que os movementos sexan máis penosos e tamén empeorando a experiencia con moito lixo viaxando polo ar que resulta moi complicado de esquivar. Por momentos parecerá máis un pinball ca outra cousa, co pequeno saltón rebotando dun lado para outro sen control ningún. Pero unha vez que temos certa práctica, o xogo resulta doado agás nun par de posicións concretas. A min levoume uns cinco intentos acadar a vitoria final, aproveitando na derradeira pantalla o feito de que só poden haber dous inimigos no plano ao mesmo tempo, polo que basicamente resultou nunha longa persecución sen risco ningún.

Fiquei sen liñas para falar das pantallas de bonificación deste Karate Kid, das rapazas colgadas ou da cabeza flotante do señor Miyagi que nos congratula pola fazaña, pero non quero adicarlle máis tempo a este fraude.