<<

Shaman King: Master of Spirits 2

Nos tempos de instituto, un compañeiro de clase gravoume unha serie de debuxos de ninjas. Durante os próximos meses vin algúns capítulos de Naruto cada día, chegando ao episodio cento e pico antes de aburrilo. Nos anos seguintes tentei ver moitas outras series de anime pola miña conta, pero coido que só cheguei ao final de Fullmetal Alchemist, xa que o de ver cousas episódicas sen compaña non é o meu. Cos mangas pásame algo semellante. Hai dous anos comecei e rematei Death Note, pero pouco máis; por moito que moitos outros chámenme de primeiras. Non é raro entón que, cando comecei a este Shaman King: Master of Spirits 2 da Game Boy Advance, non tivera nin idea do material orixinal no Shonen Jump. Eu sabía que era un metroidvania de Konami e iso era abondo para min.

Coido que a narrativa é unha escusa para amosar os personaxes secundarios do manga. Hai un rapaz moi malo, Zeke, que controla as mentes doutros chamáns, incluíndo aos amigos do protagonista. A meirande parte dos xefes intermedios serán contra eses compañeiro posuídos, que moitas veces non dirán máis ca “grrrr…” antes de atacar, e pouco máis logo de que mallemos neles, polo que os novatos da saga non aprenderemos moito desas relacións. O único que sacaremos seguro desas loitas é un espírito novo para a nosa colección, que funciona un pouco ao estilo do Aria of Sorrow, podendo equipar até un total de cinco ao mesmo tempo, pero só dúas poderán activarse, sendo as ouras necesariamente pasivas. As outras maneiras de obter eses espíritos é destruíndo a un inimigo especial que o garda ou atopándoos espallados polos niveis.

O espírito activábel que máis veces empreguei nos niveis normais foi un que tiña un 50% de posibilidades de curar ao protagonista e outras tantas de facer dano a todos os inimigos na pantalla. A necesidade principal era a curativa, xa que os puntos de maxia soben automaticamente co tempo, pero os puntos de vida só se recuperan uns poucos ao superar un nivel. A táctica pouco divertida que seguín foi abusar desa habilidade en puntos seguros para maximizar as posibilidades de sobrevivir os vindeiros desafíos. Tamén cabe a posibilidade de mercar obxectos de curación, pero non son especialmente baratos e preferín aforrar os cartos para as loitas contra xefes, que son unha boa morea, e para os niveis finais, que resultaron moito máis complicados do que eu agardaba.

Tamén é certo que, coma moitas outras veces, escollín a segunda dificultade máis elevada, ben chamada “hard”. Non teño a experiencia para comparar cun modo máis doado, pero o dano que me facían os inimigos era esaxerado: dende os paxaros eses que se movían tan rápido e reducían máis da metade da miña vida cando me tocaban, até ese robot no penúltimo nivel que daba boa conta de toda a barra cun único disparo. A verdade é que foi un pouco desesperante e estiven a piques de abandonar preto do final, máis polos niveis normais con inimigos comúns que polas loitas especiais contra os xefes, que tamén son difíciles pero máis manexábeis. Por sorte, a derradeira loita, contra Zeke, non era para tanto e conseguín superala tras unha media ducia de intentos.

O marcador final rematou nas catro horas xustas de xogo, pero non conta todo o tempo que lle adiquei pero que rematou na pantalla de xogo rematado, tendo que cargar a anterior partida gardada. Estimo que a inversión temporal real debe multiplicar por tres esas catro horas. E iso que trampeei un pouco para saber a situación dun obxecto requirido para superar un muro narrativo, xa que era totalmente preciso para completar a aventura pero non había ningunha pista diexética por ningures de como atopalo, polo que tería que investigar pola miña conta prestando ben atención a todos os camiños posíbeis. Está claro que se non fora por ese vídeo o xogo remataría na miña colección persoal de fracasos lúdicos, pero desta maneira podo pasar páxina e pensar mellor o seguinte xogo e o nivel de dificultade que escollerei.

  • Tempo rexistrado: 4 horas.
  • Obliteracións: 1885.
  • Furyoku empregado: 36357.
  • Dano: 16740.
  • Pasos: 9576.
  • Espíritos: 63.