<<

Memorias dun neno xogón: loitadores bidimensionais

De cativo, un dos meus xéneros de videoxogos preferido era ese de loitas un contra outro ao estilo do Street Fighter. Entre consolas caseiras, bares e salóns recreativos, xuntei unha morea de experiencia con eles, especialmente antes e en torno ao troco do milenio. Máis adiante, grazas á maxia de internet, emuladores e o M.U.G.E.N, fun exposto a unha cantidade xigante de personaxes de moitísimas franquías, pero decidín poñer o corte para este artigo antes de todo iso, intentando lembrar máis que nada os meus personaxes preferidos, pola razón que sexa, de cada unha das sagas ás que máis xoguei. Os meus favoritos de hoxe en día non encaixarían exactamente cos deses tempos, e nin sequera é un dos meus xéneros máis queridos agora mesmo. Mais o exercicio é de memoria e velaquí van, ordenadas alfabeticamente:

Non saíu nin un pouco ben. Non penso repetilo.

  • Art of Figthing — Ryo Sakazaki. Dos xogos non teño moitas lembranzas boas: moitas das habilidades especiais non semellaban especialmente espectaculares e do dúo protagonista só simpatizaba co roibo.
  • Brutal: Paws of Fury — Ivan the Bear. Non sei canto tempo estivo este xogo na miña casa, pero é probábel que pouco. O que é seguro é que sempre escollía o oso, que non sabía que era comunista e que na miña mente tiña bastante mellores gráficos na Mega Drive do que parece nas capturas de hoxe en día.
  • Darkstalkers — Morrigan Aensland. Sen dúbida, Lord Raptor, a estrela do rock zombificada, era o personaxe que máis quería que me gustase, pero os movementos de Morrigan eran máis similares os que coñecía, polo que rematou converténdose na miña monstra preferida.
  • Fatal Fury — Sokaku Mochizuki. Esta é un pouco trampa, xa que coa versión do primeiro Fatal Fury na consola pasoume algo similar ao Art of Fighting: semellaba unha versión descafeinada do Street Fighter que limitaba os protagonistas para o modo historia. Os meus xogos favoritos da saga foron os Real Bout Fatal Fury e de aí sempre me gustou este monxe budista.
  • Killer Instinct — Glacius. Nunca fun seareiro desta saga porque só tiven algunhas oportunidades de xogar na casa duns amigos e nunca me pareceu un xogo claro co que pasaba na batalla. Decidín especializarme en Glacius por non dispersarme moito nas poucas ocasións que tiña de xogalo e porque me recordaba algo a outro personaxe que saldrá nesta lista máis abaixo.

  • King of Fighters, The — Iori Yagami. Dubidei en facer trampas aquí e meter un trío de personaxes, facendo un tributo ao sistema de xogo tres contra tres. Pero dos tres candidatos, Iori sempre foi o meu favorito. Non sei se por sádico ou porque xusto comecei a interesarme pola saga nos tempos de Orochi, onde ten unha forma máis louca e poderosa.
  • Last Blade, The — Yuki. Inda que non sexa o máis aparente neste caso, estou vendo un padrón de xeo nos personaxes que escollía. Mais o que me atraía de ela era tanto o seu longo cabelo como a súa longa lanza, moi útil para manter aos rivais ben afastados.
  • Marvel vs. Capcom — Akuma. Foi nesta serie de videoxogos onde máis manexei a este diabo xaponés, inda que xa o coñecía dos Street Fighter Alpha. O hadouken no ar resultábame moi práctico e a combinación dos movementos de Ryu e Ken facía que non resultase nada complicado aclimatarse a el.
  • Masters of Combat — Hayate. Este foi o primeiro xogo deste estilo que entrou na miña casa, directamente para a Master System. Non eran as loitas definitivas pero había un ninja! E os ninjas sempre molaron. E se xa combinamos ninjas e xeo…
  • Mortal Kombat — Sub-Zero. Supoño que aquí encaixarei con moita outra xente da época porque foi o ninja da saga que máis desenvolvemento tivo, aparecendo sen máscara e todo. Non estou nada posto na mitoloxía, pero o de conxelar repetidamente aos rivais era a miña táctica preferida.

  • Primal Rage — Armadon. Coa cantidade de dinosauros e monstros interesantes que incluíron neste videoxogo, eu sempre escollía a este tatú xigante. Non recordo moito dos seus movementos, pero supoño que era o que máis cómodo me resultaba para derrotar ao resto de rivais.
  • Samurai Shodown — Galford. Nunca fun de cadeliños, pero Poppy tiña moito carisma. O seu compañeiro ninja de California tamén encaixaba cos meus gustos en loitadores do momento: un estadounidense rubio que aprendía as técnicas de loita xaponesas copiando a outro dos protagonistas. É dicir, os mesmo que…
  • Street Fighter — Ken. Dalgunha maneira sempre tiven atracción polos personaxes que claramente ocupan o segundo chanzo do protagonismo. Ken é o exemplo clásico co que xa simpaticei dende as primeiras entregas e que me gustou ben como foi converténdose nunha entidade propia dándolle máis protagonismo ás patadas e aos shoryuken.
  • Teenage Mutant Ninja Turtles: Tournament Fighters — Casey Jones. Seguramente esta foi a maior decepción de todos os xogos de loita que merquei. Non me gustaban nin a representación das tartarugas, nin os movementos nin o estilo de xogo. Sempre escollía a Casey Jones porque o resto eran máis aburridos.
  • World Heroes — Mudman. Este era un xogo que atopaba de vez en cando nalgún salón recreativo non habitual e non me importaba deixarlle cinco pesos, inda que as comparacións con outros grandes éxitos nunca o deixaba nun bo posto. Se me tivese que quedar con un personaxe naquela época sería sen dúbida Mudman, por moito que hoxe poida ver o problemático do seu deseño.