<<

Class of Heroes 2. Capítulo 2

Rematei a entrada anterior logo de completar todas as misións iniciais e ter explorado completamente o primeiro alxube. Coido que nese momento tiña dúas vías para continuar, pero non o pensei moito e tirei cara un bosque encantado. Levoume varias viaxes pero conseguín cartografar (automaticamente) todo o primeiro nivel dese alxube, que incluía algunhas casas de teleportación instantánea para complicar un pouco a tarefa. No seguinte segmento había algúns fatos de inimigos máis poderosos, que tanto podía derrotar máis ou menos rápidos empregando as miñas maxias, coma esnaquizaban a miña liña secundaria na primeira quenda. Pouco a pouco as miñas protagonistas máis febles acumularon ao redor de cinco mortes cada unha.

Soábame que neste tipo de xogos existían penalizacións por morrer pero, como o manual non o especificaba, tiven que procuralo en internet para saír de dúbidas. Non hai moita información, en xeral, sobre esta secuela do Class of Heroes, polo menos en idiomas que eu coñeza, pero puiden confirmar que cada baixa en combate resulta nun punto menos de vitalidade permanentemente. Unha solución para evitalo, que propoñían neses foros, consistía en gardar a partida cada poucos pasos nos alxubes. Lóxico, verdade? Pois nunca me fixei nesa posibilidade e sempre aproveitaba as visitas ás cidades para gardar nese momento o progreso e consolidar as ganancias. E agora que me decatei da outra opción, non sei moi ben como continuar.

O fluxo de gardar a partida cada poucos pasos no alxube, e cargala cando algo sae mal, non me resulta alleo, xa que foi o que me acompañou durante un bo feixe de horas no Unchained Blades. Pero agora non me parece nada interesante mecanicamente falando, xa que minimiza os riscos dunha loita que sorprenda ao xogador e as estratexias de incursión e o de apurar a sorte deixan de ser importantes, porque tamén hai un obxecto que nos axuda a fuxir do alxube cando o desexemos. Non teño unha razón psicolóxica clara para que esta vez me amole tanto, pero supoño que terá que ver principalmente co de darme conta tan tarde de dita posibilidade.

Parei e reflexionei un pouco sobre todo isto. As principais opcións son dúas: ou ben continuaba co meu desafío autoimposto de só gardar en puntos seguros, ou ben aproveitaba a ferramenta que os deseñadores puxeron ao meu alcance. Esta última a verdade é que non me apetecía moito, xa que, pensando nas miñas horas de xogo, manexar ese risco era parte da diversión. Pero, ao mesmo tempo, volver ao de non gardar dentro dos alxubes tampouco me encaixaba, xa que non son un experto do xénero e pode que os desenvolvedores contasen co abuso das partidas gardadas para os desafíos máis complicados. E o tema da perda de vitalidade permanentemente das protagonistas cada vez que caían en batalla tampouco axudaba precisamente as miñas posibilidades de vitoria, polo menos sen frustracións.

Ao final optei por unha terceira vía: deixar de xogar e desinstalar o xogo. Non atopei outra solución ao dilema que non fora rexeitalo por completo. Coido que quizais non será unha decisión irrevogábel e que, se cadra, algún outro día volverei coa mente máis clara. Polo de pronto, ando na procura dalgunha alternativa similar. Probei brevemente o Elminage Original pensando que as historias de medo que se contan sobre a súa tradución non me amolarían moito, mais cando cheguei ao menú de crear personaxes e as descricións das razas non se correspondían cos seus atributos… xa era moi esaxerado! Adiqueille un pouco de tempo tamén a investigar sobre o estado do arte dos xogos libres deste estilo e hai algúns prometedores, pero ao mesmo tempo intentei comprender que é o que contribúen os gráficos en primeira persoa que non se puidesen representar, en moitos casos, ao estilo do clásico Rogue. Inda non achei unha resposta boa, pero seguirei coa mente niso.