<<

Dungeons & Dragons: Tower of Doom

Nunca xoguei moito a esta primeira colaboración entre TSR e Capcom. Lémbroo das recreativas, pero a idea de ter unha única vida nun xogo tan difícil non me atraía moito cando había cartos por medio; no futuro, co Shadow over Mystara, sería outra cousa, pero iso é outra historia que xa foi contada noutra entrada. Aproveitando que agora teño acceso de balde decidín darlle unha pasada. Por non complicarme moito manexei ao guerreiro, inda que creo que a elfa era a máis poderosa ou, polo menos, a máis icónica. Desta maneira non me tería que preocupar dos feitizos e a experiencia sería similar á que tiven na secuela o ano pasado. E non agardaba tanta similitude! Diría que os sprites deste personaxe son exactamente os mesmos ca no Mystara.

O que xa non foi tan similar foi o manexo do mesmo. O xogo non nos permite, ou eu non son capaz, movernos rapidamente dun lugar a outro da pantalla arrasando con todos os kobolds e gnolls, que tamén repetirán modelo na secuela. A experiencia, por tanto, debe ser moito máis pausada e táctica, mantendo unha posicións defensiva até que de seguro atopemos unha fiestra para atacar o inimigo. Tampouco axudou que eu non soubera como facer os movementos especiais, xa que non se facían da maneira que eu intuía e supuxen que simplemente non existían. Saíume un ataque de espada con desprazamento na derradeira loita do xogo e quedei coma un parvo. No medio da lea non conseguín repetilo, pero agora xa sei que existe.

Algo que non cambiou tanto, polo menos en espírito, é o manexo dos obxectos e feitizos. Desta vez non hai o sistema de niveis e rotación con ocos limitados, senón que simplemente teremos un botón para pasar ao seguinte da lista e poderemos gardar aí tantos obxectos como atopemos, inda que ao non ter armas equipábeis o listado do guerreiro resúmese en frechas, dagas, martelos, aceites e os diferentes aneis máxicos que achemos polo camiño. Ao igual ca os ataques normais, o seu emprego é táctico e non é posíbel encadear tan facilmente todos os lanzamentos para un dano masivo. Como dato interesante, hai unha pelexa contra un troll que coido que se rexenera a non ser que lle prendamos lume; non sei que pasaría se non gardase un último aceite para tal fin, pero de seguro que sería castigado por non coñecer o bestiario desta mitoloxía.

Moitos outros xefes finais foron reciclados no Mystara, polo que non me sorprenderon moito máis aló da voz aguda e estridente do elfo escuro. Non percorrín máis ca un camiño, pero atopei vellos coñecidos coma o ogro (sen irmán esta vez), o liche (que aquí fai de xefe final), o dragón vermello (que tamén garda un gran tesouro coma recompensa da súa loita opcional) ou o dragón negro (moi complicado). Precisamente foi esta última serpe voadora a que desbotou todas as miñas esperanza de superar a aventura cun puño de créditos: non sei cantos levou o dragón en particular, pero lembro as mortes constantes e rematar o xogo con máis de vinte. A un prezo de dez duros por partida… custaría bastante máis do que me custou mercar ambos xogos desta pequena saga.

Foi unha experiencia máis que interesante contrapoñer todos os detalles deste Tower of Doom, bastante descoñecido para min, co Mystara e todas as miñas lembranzas do mesmo. Máis aló de percorrer as outras opcións que non escollín, non elixiría a precuela sobre o seguinte para unha partida ocasional. Se alguén te interese, esta versión de Steam tamén permite compartir gratuitamente a partida con outros tres amigos remotos. Coma xa dixen na outra entrada, sinto que é algo desperdicio o de non preocuparse polas moedas inseridas, pero non todo ten porque ser complicado artificialmente: debería ser abondo poder compartir un tempo agradábel cos amigos!