James Bond 007. A illa do doutor No

Teño dende hai varios anos o manual básico deste xogo de rol baseado nas aventuras de James Bond. Nunca lle fixen moito caso porque Dragóns e Mazmorras parecíame un xogo bastante máis interesante pola súa ambientación e os seus sistemas que xa coñecía. Non foi até fai ben pouco cando comecei a ler cousas boas deste deseño de Victory Games, e decidín darlle outra oportunidade por moito que o tema de espías non sexa o meu. Por sorte, non tiven que amolar a ninguén para velo en funcionamento, xa que o último capítulo do libro é unha aventura pequena que emprega un cento de seccións ao estilo de Elixe a túa propia aventura que se pode experimentar en solitario. Trátase d’A illa do doutor No, e eu non tiña nin idea de quen era ese doutor nin moitos outros dos viláns da saga, polo que todo era novo para min.

O primeiro era facer ou escoller un personaxe ao nivel “00”; optei polo camiño máis sinxelo con Anya Amasova que, xunto co propio James Bond, é a única axente de elite que ven con estatísticas neste libro. Ambos teñen uns números comparábeis e, de feito, o regulamente favorece incondicionalmente aos personaxes femininos outorgándolles menos puntos de fama, algo positivo; a razón descrita alude a que hai menos mulleres espías, pero quizais sería máis correcto dicir que non se coñecen tantas e encaixaría mellor coa bonificación. Certo é que non entendía como funcionaban todos eses números que aparecían na ficha da personaxe, pero como non tiña présa decidín seguir adiante e xa aprendería a medida que se precise para avanzar na aventura. Como era de agardar, non tardou case nada en aparecer a primeira proba dunha habilidade.

Para manipular unha caixa forte hai que empregar a habilidade que leva precisamente ese nome; semella bastante específica e non moi realista, pero supoño que será algo habitual nas novelas. O mecanismo é relativamente sinxelo, pero para entender a que se refería cada termo tiven que ler os diferentes apartados varias veces, xa que o de “posibilidades básicas”, “nivel de habilidade” e “grao de dificultade” non me resultaba nada claro polo nome. En resumo: unha vez identificadas as variables axeitadas, hai que multiplicar as posibilidades básicas da personaxe en cuestión polo grao de dificultade (menor é máis complicado) para obter as probabilidades de éxito da tarefa. Esa multiplicación tende a incluír un número de dous díxitos, polo que se inclúe unha táboa de multiplicación na folla principal para os que non somos capaces de calcular 18×7 no fragor do xogo. Logo simplemente hai que rolar un dado de cen caras e, se resulta menor ca as probabilidades de éxito, cruzar o resultado con outra táboa para determinar o grado de éxito.

Algo similar tiven que facer nun combate para inmobilizar a un inimigo, unha loita que rematou no primeiro asalto co inimigo turuleque, xa que unha cousa é ter licencia para matar e outra empregala indiscriminadamente. Máis adiante tiven outra pelexa contra o doutor No, e os seus curiosos puños, que gañei no terceiro asalto, inda que foi porque esquecín empregar os puntos de supervivencia do vilán. Mais a esas alturas xa non importaba moito, e tamén estaba algo farto de tantas tiradas consecutivas. Polo que, seguindo coa narrativa, collín a motora xunto coa outra espía infiltrada tras desbaratar a ameaza nuclear da illa, completando con éxito a misión.

Confesarei que, até que o final de todo, non me decatara da importancia da misión, polo que fracasei nun punto intermedio por non manipular un ordenador a tempo. Nese intre fixen algo que nunca fago nos outros libros de parágrafos: volver atrás e trocar a última decisión. Esta experiencia foi abondo para coñecer as partes máis interesantes do deseño e comprender que lle tiña unha manía inmerecida, especialmente para un xogo de rol de preto de corenta anos. Ao final sempre é complicado levar algo así a unha mesa (virtual ou non), pero agora sei que podería funcionar perfectamente para unha historia de espionaxe. Inda que inda non sexan das miñas preferidas.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.