To Arms!! Capítulo 1
Atopeime co móbil no peto, tempo libre e ganas de xogar a algo novo. Non negarei que moitas das mecánicas dos sempre presentes mercar-para-gañar teñen certo atractivo, pero ao final todos semellan ser un novo traballo onde toca repetir as mesmas accións unha e outra vez para incrementar constantemente algúns números. Esquivando todos eses, e buscando novas recomendacións, encontrei este To Arms!!, un construtor de barallas para un só xogador que non precisa de conexión a internet. Realmente probárao xa hai un tempo, un total duns cinco minutos, pero non me esforzara abondo como para entender ben como funcionaban todas as pezas do deseño. Mais o que lembraba coma algo opaco non é máis ca un construtor de barallas bastante clásico.
Manexaremos dous tipos de valores para acadar os nosos obxectivos: moedas e sangue. A primeira unidade emprégase principalmente para mercar novas unidades para o noso exército, namentres que a segunda ten coma finalidade principal destruír aos monstros de cada nivel, que tamén pasarán a formar parte das nosas unidades. Resulta, por tanto, moi semellante ao Thunderstone, e como tal aparece nas mencións especiais do autor. Unha persoa que, sen coñecela, simpatizo bastante, xa que desenvolve un xogo honesto, ben pensado, con actualizacións constantes e ofertado de balde. Até pensou en incorporar un botón para desbloquear automaticamente todas as misións por se queremos atallar ou trocar de dispositivo.
Pola miña banda eu acabo de superar o quincuaséximo nivel da campaña, que foi o primeiro no que non acadei a vitoria no primeiro tento, xa que non conseguín establecer unha economía axeitada nas quendas iniciais, algo que me pasou boa factura nas sucesivas mentres os inimigos facían o seu dano constante. Até ese encontro, non tiven problemas en aplicar as miñas tácticas e estratexias para avanzar continuamente polos diferentes desafíos, e sorprendéndome coa gran cantidade de unidades variadas que hai implementadas. Por sorte, en cada escenario só se empregan unhas poucas, polo que é posíbel trazar un plan que intente aproveitar ben as sinerxías entre os tipos de unidades ofertadas e os monstros a derrotar.
Parte da graza son esas faccións que interactúan entre as súas unidades obtendo bonificacións cando aparecen na mesma quenda, por exemplo. Hai un bo número delas diferentes, coas súas características propias, algo que sería totalmente inviábel nunha produción física pola necesidade de ter moitísimas cartas diferentes, cousa que aquí é amañada cun simpático sprite. Polo de agora non atopei outras mecánicas que aproveitasen a virtualización, agás quizais na transformación dunhas cartas noutras ao chou, porque podería sobrepasar os límites físicos de cada tipo de unidade. Uns límites que, por certo, si que existen noutros casos, xa que non poden haber máis de nove copias dispoñíbeis dos ítems da fila de abaixo ou xogar máis de dez unidades nunha mesma quenda.
Ademais do modo campaña cos seus episodios tamén existen outras tres modalidades adicionais: batalla, desafío diario e crawl, un modo sen fin de supervivencia con poderes semipermanentes e outras novidades sobre o xogo base. Inda non probei ningunha destas variantes, mais esta última semella ser a preferida da audiencia. Supoño que eu proseguirei co modo principal, con máis desafíos e unidades. Gozo moito de aprender as novas mecánicas características de cada personaxe, e resúltame inspirador para os meus múltiples proxectos que se centran nun fato de heroes. O último que se me ocorreu foi unha especie de AutoChess para un único xogador cun taboleiro totalmente lineal, un pouco ao estilo do Darkest Dungeon. Coido que será outro máis que rematará os seus días na páxina do caderno no que o esbocei, pero agora penso que se podería ter un prototipo rápido empregando sprites ao estilo deste To Arms!!