Shin Megami Tensei: Persona 3 Portable. Capítulo 1
Diría que este é o meu terceiro intento de xogar seriamente a terceira parte dos Persona da macrosaga Shin Megami Tensei. Esta vez será na súa versión Portable para a PSP, que trae algúns trocos interesantes entre os que destaca a existencia dunha segunda protagonista cun novo punto de vista. O xogo recomenda comezar polo varón para ter a experiencia orixinal, pero decidín non facerlle caso sabendo que habería pouquísimas posibilidades de que eu repita a épica de setenta horas dende o comezo para apreciar os cambios. De calquera maneira os básicos son os mesmos en ambos casos: hai unha hora cada día na que o mundo normal fica parado e os seus habitantes permanecen fechados en ataúdes.
Coma xogadores nós manexaremos a unha rapaz que ten a capacidade de estar libre e consciente durante esa hora estraña. Por se iso non fora estrés abondo, tamén terá que sobrevivir a loitas contra unhas sombras misteriosas, explorar un xigantísimo edificio que troca a súa distribución interna constantemente, pertencer a un grupo secreto… e amañarse no instituto coas súas clases e actividades físicas, mentais e sociais. E todo iso sen contar a parte de dispararse a cabeza cunha pistola pretendida para evocar a súa “persona” interior. Polo de agora só xoguei tres horas e media, pero xa toquei un pouco de todos eses temas, con máis ou menos éxito dependendo do problema.
As primeiras decisións que tiven que tomar foron no contexto da aula. Un compañeiro que non lle estaba a prestar atención ás ensinanzas preguntoume pola resposta á pregunta da profesora e non lle souben axudar. Isto pasou un par de veces, demostrando que eu tampouco son un estudante moi aplicado e anoxando un pouco ao meu compañeiro. Noutros tempos amolaríame bastante o de meter “erros” na partida, facendo que non sexa perfecta, e non me sorprendería que fose esa parte da razón detrás dos outros intentos fracasados, pero hoxe teño claro que prefiro unha experiencia particular baseada nas miñas eleccións en cada intre. Ademais, xa asegurei que non hai maneira doada de “perder” a partida, polo que toda a perfección nin sequera é precisa. E tamén ten modo “nova partida+” no caso de que queira recuperar os erros.
Con ese punto de vista na mente, sorprendeume chegar a ver a pantalla de “xogo rematado” logo de perder a todos os membros no alxube principal. Eu suporía que aparecerían todos feridos, mais a salvo, e teriamos que parar a incursión con algunha penalización. Pero non é así, xa que non queda outra que cargar a última partida gardada. Eu aproveite esa circunstancia para explorar todo o posíbel do alxube na miña primeira incursión por libre, até chegar a unha barreira infranqueábel polo de agora. De camiño até ese punto enfronteime a algunhas pelexas especiais contra xefes intermedios, algunhas das cales perdín de primeiras. Mais trocando un pouco as tácticas nunca me resultaron imposíbeis, e sempre hai un punto de gardado xusto antes.
Tal e como vai, estou contento e satisfeito con como está a resultar este videoxogo xaponés. Nun principio non me convencía a ambientación estudantil protagonizada por adolescentes especiais, e xa veremos como evoluciona cando aparezan intereses románticos e haxa que compaxinar varias relacións sociais ao mesmo tempo, que é parte da graza deste deseño. Intentarei enfocalo pola parte positiva no lugar de pensar nas portas que se pechan. Non sei se os dous Personas anteriores tamén teñen este compoñente de vínculos sociais (de seguro que o 4 e o 5 si que o teñen), pero sei que os outros Shin Megami Tensei tenden máis á exploración de alxubes en primeira “persona” (hehe), que tamén me interesan por incluír a Yahveh e Lucifer coma personaxes da súa historia. Pero primeiro toca seguir por aquí.
- Tempo de xogo: 3.5 horas.
- Día actual: 22 de abril de 2009.
- Nivel: 9.