Shin Megami Tensei: Persona 3 Portable. Capítulo 3

Logo doutras dez horas neste Persona 3, semella que cheguei á metade lóxica da aventura: vencín a seis das doce sombras especiais e tamén rematei o primeiro semestre do curso. Atópome agora nas vacacións de verán, preto de volver as clases de novo, e aprendendo moito das realidades da “hora escura”, de Tartarus, do instituto e dos acontecementos previos nos que o grupo Kirijo tivo un papel protagonista. A verdade é que non contaba cun xiro así, e aumentou a miña apreciación pola narrativa, agardando que tamén encaixen os pasados dos protagonistas e as cadansúas habilidades para evocar personas. A cruz de todo iso segue a ser todo o que se esforza o xogo por diferenciar as actitudes masculinas e femininas con tópicos clásicos e aburridos coma “os homes son así” ou calquera oración que saia da boca de Junpei.

Neste tramo maximicei tres vínculos sociais: o hierofanta da parella de anciáns da libraría, a ermitaña da bibliotecaria Saori e o carro da capitana do equipo de voleibol, Rio. Esta última non tivo un único final, xa que avanzou máis na súa historia nuns adestramentos especiais na parada estival, nunha semana moi intensa que non me deixou tempo libre para facer nada máis que non me outorgou ningunha mellora mecánica. Quizais esa pequena viaxe foi a verdadeira recompensa en forma de narrativa, o que me parece estupendo, pero non sei eu se volverei aos adestramentos habituais no segundo semestre ao saber que o vínculo non poderá mellorar máis aló. O mesmo sucederá cos libreiros e Saori, inda que esta última trocou de instituto, polo que xa non terei moita opción de falar con ela. Ao final a protagonista é unha desas persoas que aparecen poucas veces nas vidas alleas pero que teñen un impacto moi positivo nas mesmas.

No plano de mellora persoal centreime principalmente nos estudos, obtendo a mellor nota da clase nos exames finais do primeiro semestre, e iso que sempre se me atragoan as preguntas de historia e cultura xaponesa. A idea tamén era conseguir a máxima intelixencia para poder coñecer mellor a Mitsuru, pero inda teño que subir un rango adicional antes de comezar esa relación, por moito que estudara a meirande parte das noites na habitación. Hai outras maneira de tamén mellorar a estatística académica comendo certas cousas ou xogando videoxogos, pero é algo que non fago moi habitualmente. Por outra banda, non sei os requisitos exactos para tamén comezar o vínculo social de Aigis, unha robot que acaba de incorporarse ao grupo pero que inda non ten un módulo axeitado para poder levar conversacións coma se fose unha rapaza normal. Con Yukari Takeba non estou a avanzar nada porque non me interesan as personas dos amantes.

Esas tres rapazas (inda que tecnicamente unha non é unha rapaza) son as compañeiras que sempre levo nos alxubes, cando podo escoller. Ou iso é o que farei a partir de agora, porque non tiña acceso previo a Aigis, optando entón por aventurarme cun trío feminino dende que apareceu a opción. Non atopei problemas por carecer dun cuarto membro, pero tamén pode ser que ande un pouco sobrepotenciado polas miñas incursións maratonianas. Normalmente facía unha desas xestas por mes lunar, pero no último volvín tres veces á torre porque apareceron uns humanos perdidos pola mesma, unha nova mecánica coa que non contaba. Para a seguinte sesión xa adiei a entrada até que reportasen alguén perdido por aí, polo que xa teño traballo para cando retome o videoxogo, que ademais faltan dúas noites para seguinte lúa chea.

Porque neses días intensifícanse as aparicións de sombras especiais na narrativa, o que é aproveitado polo grupo protagonista para atallalas nunhas operacións especiais. Na última tocoume percorrer un hotel amoroso que sufriu desaparicións sospeitosas. Alí conseguín evitar todas as loitas contra inimigos comúns e superar o primeiro xefe só coa caída de Akihiro, que levaba moito menos experiencia de combate ca as súas compañeiras. Logo dunha escena ilusoria, comezou a segunda fase da operación, na que había que romper dous espellos específicos para superar a barreira previa ao segundo xefe. Non se se habería pistas por algures, mais eu non entendín o crebacabezas se é que existía. Achei o primeiro da planta baixa na primeira habitación que entrei, pero trabuqueime na planta alta e tiven que volver ao comezo. No segundo tento tamén acertei na planta alta e superei o desafío, nin idea de como. Coido que é a primeira vez que o xogo pon a proba o meu enxeño, e resultou un fracaso terríbel.

Veremos o que me deparará o futuro. Seguramente agardarei máis horas de xogo do normal para escribir a seguinte entrada, por dous motivos principais: o primeiro é que, dende que troquei de caderno físico, as entradas a dobre páxina levan moita máis letra ca as anterior; o segundo é que, por moito que estea na metade lóxica da narrativa, segundo as estimacións doutros xogadores, non levo nin un terzo das horas que pode tomar este longo xogo de rol consoleiro. A verdade é que me apetece continuar canto antes, xa sexa non compoñente máis social ou no mazmorreiro, inda que realmente o que teño máis ganas é de avanzar no misterio sobre a “hora escura” e o papel de Kirijo nos acontecementos previos.

  • Tempo de xogo: 21 horas.
  • Día actual: 3 de agosto de 2009.
  • Nivel: 28.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.