Underhand
O Cultist Simulator non me gustou nin un pouco, polo que estiven remiso a probar este Underhand para Android, xa que tamén consiste en rexentar a nosa seita co fin de invocar deuses escuros. Neste caso non hai compoñente de tempo real e atópase moito máis taboleirizado: cada partida comeza cunhas cartas determinadas na baralla xerada ao chou, polo que teremos que atopalas unha primeira vez por sorpresa antes de que sexan rebaralladas. Tamén aproveita as vantaxes da virtualización para obviar os límites dos números de cartas ou para inserir cartas alleas rapidamente. Pero todo iso é aplicábel unicamente ao mazo de encontros, que revela as súas cartas unha a unha preguntando ao xogador que quere facer, pero hai outro conxunto de cartas que se empregan como recurso e habitan na man do xogador, consistindo en seis tipos diferentes.
A graza do deseño é comprender que precisa cada partida e manexar axeitadamente os nosos recursos para cumprir o noso obxectivo. Haberá que andar con ollo para non acumular moitas cartas de sospeita (pois aparecerá a policía), moitas cartas en xeral (pois seremos castigados pola nosa cobiza) ou non ficar sen comida (pois aparecerá un convidado perigoso). Precisamente esta última condición foi a que me obrigou a tirar de guía, porque non entendera que era a maneira de comezar coa invocación de Wiindigoo e quedei atascado nese punto. É o único dos sete deuses a invocar que ten truco dese estilo e aparece moi cedo na campaña, polo que supoño que non serei o único con esa confusión. O resto resultaron máis ou menos difíciles en base aos seus requerimentos, ao chou das cartas escollidas e á orde nas que aparecen. Con todo, sempre resultou un desafío aparentemente resolúbel e nunca culpei (moito) ao fado polos fracasos.
Logo desta experiencia, coido que non me importaría darlle outro tento ao Cultist Simulator, inda que non partille tanto con estoutro. Tamén alimentou o meu cerebro de deseñador, xa que unhas mecánicas similares tamén poderían ser empregadas para contar outro tipo de historias. Como non me chegaban os proxectos actuais, collín o Godot (do que non entendo nada polo de agora) e comecei a facer un proxecto similar a este coa axuda dunha libraría especializada. Polo de agora non teño máis ca o exemplo inicial que xa viña feito pero, se cadra, cando chegue a hora de publicar esta entrada, xa terei algo orixinal [hehehe, non]. Inda que quizais sexa outro videoxogo da miña man fracasado [correcto].