Magic: The Gathering. A miña primeira baralla
Seguramente alguén do salón de recreativas que frecuentaba ou alguén de karate faloume das cartas de Magic: The Gathering. Ou se cadra era imposible esquivar ese xigante se un andaba algo interesado nese tipo de afeccións alternativas. O caso é que, debía correr o ano 1999 e eu quería unha baralla de Magic. Tiña algo de experiencia no xénero grazas a unha colección xeitosa de La Ira del Dragón que conseguín por 400 pesetas nun Cadena 100, pero non tiña moi claro de que trataba o xogo de Wizards of the Coast, por moito que sospeitase que me gustaría. Con dúas mil pesetas no peto, acudín á tenda que me recomendaron e preguntei por unha baralla deste clásico xogo. A dependenta contestou con algo como “de que cor o queres? A última edición é a Saga de Urza e hai un branco e outros que mesturan cores”. Non sei moi ben por que, pero escollín o branco monocor que tiña unha estatua na portada con ollos vermellos.
Resultou ser a baralla Durminte, baseada en encantamentos que se convertían en criaturas eficientes (ou iso pensabamos por aquel entón) cando o rival baixaba outra criatura. Trátase dunha mecánica que non se volveu a repetir dende entón e que a min prestábame moito naquel tempo: cartas coma a araña agochada ou os antigos agochados poñían un freo moi importante ao rival nas primeiras quendas. Lamentablemente esas non eran parte da baralla durminte branca, polo que tiña que conformarme con outras menos espectaculares até que o titán de ópalo podía entrar na escena. Un 4/4 con protección contra boa parte das cartas do rival era do mellorciño da miña pequena colección por aquel entón.
E iso contando con que aplicabamos as regras bastante mal, xa fora por descoñecemento ou porque o libreto de instrucións era demasiado denso para un par de rapaces que querían xogar canto antes. E digo un par porque non eramos máis. Conseguín convencer a un compañeiro de clase para probar estas cousas comigo e funcionou ben, xa que as partidas estendéronse durante varios anos e fraguou a miña amizade principal durante todo ese tempo. As primeiras partidas foron con este único mazo, xa que estas sesenta cartas eran todas as que tiñamos a nosa disposición por aquel entón, roubando os dous da mesma pila, pero pouco máis adiante acabaría mercando máis e máis cartas polo que había máis eleccións posíbeis. De feito, merquei outras dúas barallas preconstruídas da Saga de Urza, unha dupla de Portal e algúns sobres aquí e alá durante pouco tempo. Non sei de onde saquei tantos cartos!
Vendo agora as cartas do Durminte, non semella haber nada moi espectacular, e da meirande parte das mesmas xa nin me lembraba da súa existencia. Tan só hai tres cartas diferentes coa mecánica durminte, cun total de seis copias entre todas, deixando oco para as xoias ocultas, como poden ser: humillar, pacifismo ou o apreixo de Serra, que destacan bastante máis que a quincena de criaturas incluídas. Ou polo menos facíano no noso limitado mundo, onde non había moitas maneiras de matar a unha criatura incondicionalmente e tiñamos afecto polo que por aquel entón chamábanse encantamentos de criatura. De feito, esas catro copias do halo anxelical viron moita mesa por aquel entón (cando chegou o rancor xa foi o non vai máis). A outra rara, xunto co titán, era o códice de Barrin, que era a típica carta decepcionante cando aparecía nun sobre.
Coido que a caixa de cartón da baralla inda andará por aí, maltratada de tanto uso con pouco agarimo. De feito, lembro ter xogado por eses anos coas cartas nun chan ben rugoso no tempo de recreo do colexio, sen fundas, claro. Non me quero nin imaxinar como estarán algunhas terras de ter sido rotadas sobre un pavimento que tamén era especialista en causar feridas nos xeonllos. Non obstante, nunca tiven excesivo culto aos obxectos lúdicos en si mesmos e ter vivido todas esas experiencias compensan, con moito, ter o reverso dunha serpe argotiana tan gastado que pareza unha carta de Yu-Gi-Oh!