<<

League of Legends. Afortunado no xogo (I)

Esta é a primeira parte dun artigo que escribín para terrae no 2013. O videoxogo protagonista é o *League of Legends, inda que na escritura orixinal decidín non nomealo explicitamente para non darlle publicidade.*


Os sábados pola mañá fendía rivais xogando ao fútbol americano. Os sábados pola tarde fendía rivais xogando a videoxogos. Os sábados pola noite… facía cousas privadas.

Esta historia, como moitas outras ao longo da miña etapa universitaria, comezou co retorno ás clases despois das vacacións de verán. Os meus compañeiros xa levaban por aquel entón bastantes meses dedicados a un xogo de computador no que dous equipos de cinco xogadores, que encarnaban entre todos outros tantos personaxes, loitaban nunha contorna de fantasía por acabar coa base do rival. A pesar de que xa investira tempo no pasado nun xogo con mecánicas moi similares e á miña reticencia por “aprender” as reviravoltas dun novo, a presión social fíxome unirme a eles para xogar algunhas partidas. Inda que en realidade sempre preferín o ritmo do outro, o substituto satisfacíame máis por podelo gozar cos meus amigos tanto dentro coma fóra do campo de batalla virtual.

Velaquí unha primeira similitude co sexo: mellora moito con compañía.

Non pasara nin un mes da primeira vez que arrinquei o xogo cando estaba a competir nun torneo local. Apuntarámonos cun equipo case composto no evento, con ganas de pasalo ben e de ver como nos comparabamos ao resto de xogadores da zona. Tras un par de partidas amigables para aclimatarnos, comezamos o torneo superando amplamente aos nosos rivais nas dúas primeiras eliminatorias; inda que sabiamos que non eramos grandes xogadores, si que nos viamos fortes e con certas posibilidades tras observar ao resto de competidores. A pesar diso, tocounos unha terceira rolda complicada que nos deu a benvida cunha derrota. Non se acabaría aí porque o enfrontamento decidíase ao mellor de tres partidas.

As características deste videoxogo en particular impoñen unha gran desvantaxe aos xogadores noveis. Non só debiamos loitar contra un equipo que tiña máis experiencia no mesmo, senón que ademais penalizáballenos con menos variedade de personaxes e cada un deles con menos forza que se os manexase un xogador veterano. A única solución para sortear esta limitación é investir máis horas de xogo ou, seguramente como prefiran os desenvolvedores do mesmo, comprar con diñeiro parte do camiño á vitoria. Todo isto, unido á mecánica do torneo que permitía a cada equipo negar a selección dun par de personaxes cada partida, facía que non tivésemos moita marxe de manobra á hora de escoller os cinco personaxes cos que xogariamos.

Resumindo: os máis ricos poden conseguir rapidamente o que os pobres debemos obter a base de duro traballo.

Como viña sendo habitual, antes da segunda partida reunímonos co equipo rival para determinar os heroes prohibidos e seleccionados por cada bando. Non puideron conter unhas risas cando escollemos a un pequeno personaxe considerado como de broma e pouco competitivo, inda que pouco despois quitaríaselles da cara cando lles gañamos o segundo enfrontamento con nosa nada habitual composición de personaxes.

Como adoitan dicir: o tamaño non importa.

En realidade o pequeno personaxe non foi especialmente decisivo na partida, así que esquecédevos diso último, que era por darlle romanticismo ao asunto.

Na terceira partida puxéronse máis serios e decidiron gastar un dos seus dous bloqueos en evitar que volvese elixir ao único personaxe que eu xogara en todo o torneo. Todo un eloxio dalgunha maneira, pero por desgraza non é que fose simplemente o meu campión preferido, senón que, debido á falta de práctica, era case o único que era capaz de manexar a un certo nivel. Na terceira partida conseguíronnos derrotar, en boa parte porque eu non puiden achegar moito valor ao esforzo dos meus compañeiros. Nós quedamos desclasificados do torneo mentres que eles conseguiron chegar á final e quedar segundos. Non puidemos consideralo inxusto pero si que nos vimos máis que fortes para a práctica que levabamos.

Polo torneo tamén andaba un veciño dun dos nosos integrantes que, unha vez xogada a final, tomou o posto dun de nós e xogamos un desquite amigable contra os que nos eliminaban. Pasámoslles por encima cunha vitoria tan clara e limpa que dalgunha maneira sentimos que foi unha pena non habernos inscrito con esa aliñación. Polo menos así llo fixen ver, incluíndo o detalle de que eles catro podían conseguir mellores resultados en futuras competicións buscándome un substituto con máis experiencia que a miña. E fixéronme caso, pero só en parte porque me volveron a chamar a min.

Foi exactamente como eses rolos dunha noite que se van das mans e duran varios meses.