Warhammer: Diskwars

Sempre pensei que os xogos de miniaturas ao estilo Warhammer non eran o meu. A combinación de ter que mercar caras figuras que ocupan moito espazo e que, inda por riba, hai que montar e pintar, non me atraía moito. Non negarei que esa última parte era a máis importante, xa que as miñas dotes artísticas están bastante por debaixo da media poboacional. Nos meus tempos de xadrez, rol e Magic, un amigo deixoume o regulamento para reproducir esas batallas de fantasía, pero aí rematou a miña incursión nesa afección. Anos máis tarde atoparía este Warhammer: Diskwars, que prometía achegar a experiencia do xogo clásico con tazos no lugar de figuras, o cal pareceume a mellor idea do mundo no seu día. Mais coido que a poboación xogona non concorda comigo.

Esta versión, ambientada no universo fantasioso de Games Workshop, é unha nova iteración do Diskwars clásico, un xogo coleccionábel de 1999 que non ten moi boas críticas. Neste caso moderno, eliminaron a curiosa mecánica de destreza dos ataques a distancia para substituíla por unha tirada de dados, o que engade uns lixeiros toques de azar que hai que saber levar. A mecánica principal consiste en avanzar cos círculos de cartón facéndoos pivotar sobre si mesmos, podendo colocalos enriba das unidades do rival, forzando un ataque e impedindo, dunha maneira moi física e visual, que se poidan mover até que se libren desa pinza.

Antes de cada partida hai que crear un exército e escoller cartas de acción que encaixen ben no plan de xogo. Ao comezar a partida cada xogador obtén un obxectivo privado ao chou, entre o que hai que destacar o de invadir a zona de de saída do outro xogador. Isto é importante porque garante que unha composición baseada exclusivamente en tartaruguear non poderá obter unha vitoria neses casos. Tamén engade un factor de lectura do rival, xa que atinando co seu obxectivo para complicalo é boa parte do camiño vencedor. Ao igual que gañar o minixogo de iniciativa nos intres importantes, xa que mover primeiro na quenda na que se atoparán as tropas principais soe ser decisivo.

Todo iso tendo en conta que só exista unha forza inimiga. A miña primeira partida foi a tres xogadores e aí o sistema non funciona tan ben. Peca do habitual nestes casos, onde o maior beneficiado en cada batalla é o xogador que non está involucrado na mesma. A opinión non foi unánime pero eu fiquei contento co xogo, mais non tanto con esa partida en particular. Era bastante similar ao que eu imaxinaba, inda que as fichas esvaraban sobre o terreo máis do que agardaba, polo que ás veces semella pouco elegante. Durante os seguintes meses xoguei bastantes máis partidas e obtiven as únicas dúas expansións publicadas, que outorgan máis posibilidades aos exércitos iniciais e algúns pequenos rexementos de apoio, pero pouco a pouco foi substituído por outros xogos de taboleiro tamén deseñados para dous xogadores. O maior inconveniente para que vexa mesa é que teño unha das expansións en inglés (o cal mestura palabras chave) e que a explicación inicial pode ser algo dura. Pero aí queda para quen queira unha versión do WFB con menos pegada de carbono.

Con todo, este último ano probei o de pintar miniaturas por vez primeira, e non me desgustou. Pero non atopei ningún arte oculto e o de atopar tempo e espazo para todo un exército pintado xa sería moito. Case mellor que fico cos discos de cartón, que son abondo para xogar partidas de cando en vez. E coa Guerra do Anel, por se algún día atopo rival para poñer todas esas figuriñas na mesa durante tres horas largas, agardando que non destaquen negativamente os cinco ogros e o orco que agora teñen cor.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.