Tales of Maj’Eyal. Polsef
O Tales of Maj’Eyal ten a deshonra de ser o xogo cun dos peores nomes da historia e quizais a honra de ser o meu roguelike clásico preferido. Logo dos meus tempos de NetHack probara outros xogos dese estilo e o ToME, cando inda levaba mencións á Terra Media, cativoume en moitos aspectos, inda que non concordaba noutros e non cheguei a profundar abondo. Hoxe en día é un xogo moi diferente e o enfoque táctico a base de pequenas escaramuzas é moi inspirador, xa que ten moreas de opcións para aplicar en cada momento máis aló de facerse forte ao outro lado da porta. Cando rematou a miña última partida, Polsef, un mediano folla-das-sombras, podía saltar cara un obxectivo, logo reaparecer ao carón doutro ó tempo que o apampa, traerse un inimigo afastado e silencialo e todo iso entre moitas outras cousas e golpeando a todos os afectados de varias maneiras diferentes; logo podía volver ás sombras e teletransportarse a un lugar ó chou para descansar un pouco antes de volver á carga. O que non podía era ser manexado por alguén que prestase atención nos momentos finais da súa vida.
O conto foi que, agás un par de sustos nos que creo que me librou a sorte dos medianos e unhas retiradas tamén afortunadas, tiña todo baixo control. Os inimigos caían baixo as dúas dagas sen presentar moito desafío e superei por vez primeira na miña vida as misións iniciais e tamén algunha opcional. Cando chegou a hora de visitar Dreadfell non estaba moi preocupado tampouco. Inda que era un alxube ben longo con nove niveis de profundidade, non deixei corpos nin vivos nin mortos até o final. Alí agardaba o Mestre, un nigromante vampírico cunha morea de feitizos e de aliados. Pouco a pouco fun dando conta de todos, fuxindo varias veces para lamber as feridas, mais o xefe final resucitou cando finalmente conseguín baixarlle toda a vida. Por sorte, o teletransporte funcionou ben outra vez e puiden saír do medio da lea e descansar un pouco. Logo doutra escaramuza sen éxito, atopeime nun recuncho do mapa contra un vampiro menor, dos que xa matara ducias. Non sei se foi el, unha trampa ou algo que se me escapou (o que se me escapou de seguro foi mirar o rexistro) pero Polsef rematou sen visión. Sabendo que o arquinimigo estaba lonxe, descansei unhas quendas nas que non pasou nada e logo, inda sen visión, decidín dar un par de pasos para agocharme un pouco mellor, non fora ser.
O seguinte que vin foi o meu personaxe conxelado, sen posibilidade de curarse ou moverse, o mestre a cinco casas de distancia e unha morea de inimigos de todos os tipos na área. O rexistro poñía que o protagonista fora apampado e que os rivais tiveron unha boa festa con el. Nese momento xa non podía facer nada máis que rezarlle ó deus do azar, cousa que nin sequera fixen, e tras premer unha tecla, apareceu a pantalla de que o personaxe estaba morto. En verdade non levaba nin vinte horas nesta nova versión do xogo, a meirande parte hai cinco anos, pero sempre escollín a modalidade dunha única vida por ser máis fiel ó xénero. Desta vez pode que me arrepentise porque deume unha mágoa real logo de seis horas de xogo, bastantes para tiralas pola fiestra. Tamén é certo que aprendín bastante, desbloqueei algunhas clases novas e gocei da experiencia, pero agora mesmo non sei se terei ánimos para volvelo repetir.
Non obstante, ao mesmo tempo, vexo que inda hai moitísimo xogo por diante. Teño ganas de probar novas clases, darlle un novo tento a estas e conseguir avanzar un pouco máis no xogo, sabendo que inda non son quen de superar a parte máis doada. Pero son teimudo e non quero probar o modo aventura, que é o recomendado para novatos e no que os xogadores dispoñen de varias vidas como mecanismo para facilitar as cousas. Seguramente debería darlle un tento para aprender máis sobre o xogo. Seguramente non o faga.