Shining the Holy Ark. Capítulo 4
No Baba Is You decateime de que, ante determinados crebacabezas, obvio algunhas pezas que resultan ser precisas para acadar a solución. Nese xogo está pensado para que todas as pezas sexa precisa, pero no caso da adiviña de entrada á Torre da Ilusión, que comentei na entrada anterior, é o contrario. Hai moita palla nas frases que estipulan as regras e, tras tirar de axuda en GameFAQs, atopei que había que entrar en cada baldosa facendo que a man mencionada apuntase cara a torre. Estaba bastante seguro de ter feito iso mesmo, ou como mínimo telo pensado, pero o que é seguro é que non escollín o percorrido axeitado. Quizais pedín papas demasiado cedo, pero facer cada proba levaba bastante tempo, non había estados intermedios que axudasen a comprender que ía polo bo camiño e andaba algo farto de toda esa idea. Unha vez que lin o que se supoña que dicían as pistas, non tardei nin un minuto en entrar dentro da torre.
Dun alxube que leva como subtítulo “ilusión” agárdase que sexa confuso e teña algún truquiño de enxeño. Mais este non foi o caso. En certas plantas había algunhas mecánicas novas, coma baldosas díodo que esixen algo de coidado e planificación, pero pouco máis. No terceiro andar aparecen uns “spinners” semellantes ós do Shining in the Darkness e, inda que xiran o grupo moito máis rápido, temos un mapa automático que inclúe a posición e orientación e amais permiten rotar enriba delas, polo que o desafío é nulo e son tan só unha pequena molestia por ter que abrir o mapa antes de continuar camiñando. E un pouco máis do mesmo foi o derradeiro alxube, que comparte localización co primeirísmo: é xigante e leva un bo tempo exploralo todo, pero non é complicado navegar por el. Conseguín chegar a Godspeak na miña primeira incursión, pero deixei para unha segunda o ascenso á cumia porque ficara sen puntos de maná.
Na segunda incursión tamén deixei sen explorar parte do alxube, pero cheguei de novo até Godspeak e comecei a segunda loita contra Rilix. Nas últimas horas aprendera que os feitizos de potenciar as defensas pódense acumular sen límite, así que comecei abusando un pouco deles e, tras un par de malas decisións, a metade do meu equipo rematou fóra de combate, incluíndo os únicos personaxes que podían resucitar aliados: Melody (pola súa maxia) e Rodi (por un obxecto que levaba consigo). E todo iso non serviu para moito porque a bruxa desfixo pouco despois todas esas melloras aplicadas. Inda así, seguramente estiven moi preto da vitoria, pero entre as calamidades iniciais e que non quería gastar obxectos de máis, rematei perdendo a miña primeira e única loita neste videoxogo. As miñas intuicións foron correctas, porque aparecín diante da sacerdotisa coma se non pasase nada; non revisei o peto pero de seguro que desapareceron algunhas moedas relixiosamente.
Sería na terceira incursión cando decidín explorar ben todo o alxube, atopando a espada brillante e gañando algúns interesantes puntos de experiencia, que melloraron bastante o grupo por mellorar maxias coma a curación global de Akane, que sería unha axuda inestimable para o desquite contra a meiga. Tiven que aproveitar ben todos os recursos, tanto obxectos coma persoais, pero conseguín estabilizar o meu grupo a costa dos puntos de maxia das miñas curandeiras principais. Menos mal que gardara un par obxectos que restauraban todos os puntos de vida e maxia do grupo, xa que a seguinte loita contra o verdadeiro xefe final comezou sen tempo para curarnos. Os inicios foron duros e algún membro do meu grupo non sobreviviu as primeiras quendas, pero desta vez o inimigo non limpaba as melloras do meu grupo polo que pouco a pouco conseguín eliminar os dous espirros ó seu cargo e baixar a vida do xefe para finalizar o xogo!
A conclusión do mesmo foi ben rara, sen aclarar moito e semellando ser máis un prólogo para outra historia que algo en si mesmo, cunhas notas finais bastante melancólicas. Todo moi gris, coma boa parte do resto do xogo. Quedáronme algunhas cousiñas por atopar, obxectos malditos por probar e tramas por comprender, pero o sabor de boca resultante non é desagradable. Na parte mecánica ten boas ideas, como as fadas que outorgan melloras permanente e que incentivan a exploración de todas as zonas, mesturadas con clixés típicos do xénero. Agardaba máis, pero non é a súa culpa, e fico algo triste de que non houbese unha terceira entrega nesta variante alxubiana da saga Shining.
- Tempo de xogo: 25.5 horas.
- Grupo: Xogon (campión, nivel 23), Rodi (mestre ninja, nivel 19), Melody (invocadora, nivel 20), Basso (cabaleiro dragón, nivel 19), Akane (xefa kunoichi, nivel 19), Forte (feiticeiro, nivel 19), Lisa (paladina, nivel 19).
- Fadas: 37.
- Loitas fuxidas: 20 (7 contra bestas-moedas, 12 contra bólas que estoupan).
- Loitas perdidas: 1.
- Obxectos atopados: 84%.