Iratus: Lord of the Dead

Who has dared to desecrate his crypt
Shall soon be hanging lifeless in his grip
Who has dared to stalk him in the gloom
For he has freshly risen from the tomb
Crown upon his head
King of the Dead

Cirith Ungol – King of the Dead

Non podía evitar cantaruxar o himno de Cirith Ungol cada vez que arrancaba este Iratus. Sen dúbida, esa canción é moito máis épica cá miña experiencia co videoxogo, que me deixou un pouco morno. Véndese como un xogo duro e desafiante, polo que tiven os meus medos cando, tendo completado o titorial un par de meses antes, saltei directamente ó segundo nivel de dificultade, o “normal”.

O comezo foi ben divertido. Experimentei libremente cos esbirros iniciais, perdín algúns, fabriquei outros e fun avanzando pouco a pouco polo primeiro nivel pensando que a miña combinación dun cabaleiro escuro, dous esqueletos e unha arqueira con pouca roupa semellaba bastante forte. O plan era, basicamente, potenciar a armadura do cabaleiro escuro cos esqueletos para que, ó mesmo tempo, aguantase os ataques dos inimigos e fixera ben de dano para rematalos coa axuda da arqueira. Non era raro que perdese de cando en vez algún esqueleto, pero tiña partes abondo para cambialo por outro igual ou incorporar un liche ou zombi ó grupo. No canto das melloras globais, fun escollendo todas as pasivas posibles para obter vantaxes sen engadir complexidade.

No segundo andar fun transicionando a un equipo de dano psicolóxico, probando as mouras encantadas e os pantasmas etéreos, pero foi pouco despois cando desbloqueei a momia e comezou a gañar postos no meu equipo. O máis interesante dese monstro é que pode ser equipado cun obxecto para recuperar vida cada quenda segundo o número de maldicións que teñan os rivais, que combina moi ben coa súa habilidade de facer dano e maldición en área; desta maneira poden aguantar case eternamente nunha loita que cada vez será máis doada. A primeira momia funcionou ben, así que fixen sitio para outra. Cun par delas nas primeiras posicións podía aguantar ben os golpes dirixidos a elas pero, ás veces, quedaban feridas logo dalgunha loita especialmente cruenta. A solución? Incluír unha terceira momia e deixar na terceira fila a máis ferida para recuperase os seus puntos de vida sen moita lea. Unha cuarta momia xa semellaba moito e non son especialmente útiles atrás de todo, así que aí encaixei a un cabaleiro escuro. A súa posición especial que ataca mentalmente a todo aquel que recibía unha maldición combinaba demasiado ben cos outros ataques en área.

E así foi como establecín o meu equipo titular, tendo que incorporar de cando en vez algunha momia ou cabaleiro escuro novo por mor dalgún ataque fatal que non controlara ben. O único troco que fixen foi no terceiro ou cuarto andar, cando comezaron a aparecer unhas estatuas inmunes ó dano de estrés, e o dano físico da miña composición era existente, mais moi lento de aplicar. Por tanto, saquei unha momia para facer oco a un cazador de cabezas que, empregando os puntos de furia que non recibían moito uso para liquidar rapidamente eses inmunes. Esa adaptación ó medio foi unha pequena mostra do que supoño que agocha o xogo nas dificultades máis elevadas, pero para un xogo que se xacta da súa elevada dificultade cada vez que se inicia, foi unha decepción que me amañase para chegar sen problemas até o xefe final con máis recursos dos que podía gastar. E non só iso, senón que conseguín a vitoria á primeira.

E menos mal, tamén é certo! Porque co que dura unha campaña non dan ganas de repetila; non levei a conta pero estimo que ben poderían ter sido unha boa ducia de horas. Estou convencido de que saltar ó seguinte chanzo traería uns desafíos divertidos e podería saír da miña zona de confort para empregar unidades máis variadas, pero non teño moito interese agora mesmo en adicarlle tanto tempo de novo. Se cadra sería mellor atopar unha experiencia similar, por exemplo sacando o Darkest Dungeon do armario, xa que este está claramente inspirado por aqueloutro. Xa intentara algunha partida no pasado, pero sen moita paciencia non cheguei moi lonxe. E coido que ademais ese non ten unha condición de derrota, así que as apostas non son tan elevadas.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.