<<

Anima: Beyond Fantasy – Core Exxet. Creación de personaxe (II)

Ben. Comezo con esa palabra porque non sei como arrancar.

Nicole ten 600 puntos de desenvolvemento para gastar, das cales só pode gastar un 60% nas sobrenaturais, que son as que máis lle interesan por seren unha feiticeira. Estas habilidades inclúen incrementos do Zeon (maná máximo) e do ACT (rexeneración de maná). Para calcular os valores iniciais de ambos temos que ir a unha táboa que emprega o Poder como base, obtendo os valores 135 para o Zeon (ós que hai que sumarlle 100 por ser feiticeira de nivel 1) e 10 para o ACT. Esas táboas son a 55 e a 56 do libro, e atópanse na páxina 115, o cal xa da unha pista do moito que gustan as táboas aquí. E nin sequera seguen unha fórmula clara. Por exemplo:

Poder – Zeon – ACT
11 – 150 – 10
12 – 160 – 15
13 – 175 – 15
14 – 185 – 15
15 – 200 – 20
16 – 215 – 25
17 – 225 – 25
18 – 240 – 30
19 – 250 – 30
20 – 265 – 35

Pasar de 14 a 15 de poder suma 15 puntos de Zeon e 5 de ACT. Mais incrementalo de 13 a 14 só outorga 10 puntos de Zeon.

Pola outra banda, temos que cruzar outra táboa para saber que o seu nivel máximo de maxia é 75, grazas ós seus 11 puntos de intelixencia. Hai varias maneiras de obter os feitizos, seleccionando a man ou investindo nas diversas vías e obtendo todos até o nivel obtido. Confesarei que en D&D sempre favorecín a feiticeira sobre o mago porque o de ter que controlar de todos os feitizos do libro non me entusiasmaba moito, así que aquí optarei por seguir as vías, que tamén outorgan conxuros de libre elección, pero menos. Por non volverme tolo, optarei por poñer os 75 niveles da vía da Luz. Iso outorga automaticamente os seguintes feitizos:

  • Crear luz.
  • Imbuír calma.
  • Flash cegador.
  • Escudo de luz.
  • Percibir.
  • Armadura de luz.
  • Destrución de sombras.
  • Detectar o negativo.
  • Descarga de luz.
  • Holograma.
  • Lazos de luz.
  • Domino lumínico.
  • Detectar vida.
  • Espía de luz.
  • Éxtase.
  • Destruír sentimentos negativos (isto soa ben co concepto de Nicole!).
  • Luz curandeira.
  • Esfera buscadora.
  • Zona de detección.
  • Introducirse nos soños.
  • Corpo a luz.
  • Bendición.
  • Crear sentimentos positivos (un pouco de mala conta, non?).
  • Ver realmente.
  • Escudar contra o negativo (perfecto!).
  • Encontrar.
  • Restituír.
  • Esquema hipnótico.
  • Luz catastrófica.

Dos que, obviamente, non me lin a descrición nin do primeiro. E, se non fosen abondo eses 29 feitizos para unha personaxe de nivel 1, tamén temos a posibilidade de escoller outros 8 libres. Vendo os títulos, e os niveis axeitados, coido que Nicole tamén escollerá para lanzar:

  • Detección de maxia.
  • Crear sons.
  • Protección anticonceptiva (é o que semella).
  • Percibir sentimentos.
  • Mostrar o invisible.
  • Curar feridas.
  • Aumentar características mentais.
  • Marca de detección.

É curioso como sendo un xogo español coa versión orixinal en castelá, as diferentes listaxes de cousas nunca están por orde alfabético. E estes feitizos libres tampouco semellan ter ningunha outra orde que eu poida derivar.

Para ver como funcionaría, fagamos unha proba de lanzar un feitizo deses 37 escollido ó chou (ou, se cadra, non): protección anticonceptiva.

Protección Anticonceptiva
Evita al personaje contraer enfermedades de transmisión sexual o concebir descendencia. Puede afectar a varios individuos siempre que la suma de sus presencias no supere lo que determine el grado del conjuro.
Grado – Base, Intermedio, Avanzado, Arcano
Zeon – 60, 90, 120, 150
Int. R. – 6, 9, 12, 15
Base: Presencia máxima 80.
Intermedio: Presencia máxima 180.
Avanzado: Presencia máxima 260.
Arcano: Presencia máxima 380.
Mantenimiento: 5 / 5 / 10 / 10 Diario
Vías Cerradas: Ninguna

O primeiro é manifestar a miña queixa máis profunda por esa última liña: non entendo porque non pecha o aceso á vía de Creación. O segundo é adiviñar que demo é iso de “Presencia”, e resulta que sae de dividir os puntos de desenvolvemento entre 20, polo que Nicole ten 30 e o humano estándar de nivel 0 20.

Como Nicole é “apta para o desenvolvemento da maxia”, pode chegar a lanzar o grao avanzado, afectándose a si mesma, outras 10 persoas de nivel 0 e unha de nivel 1. Para non ter que facer unha tirada de proxección, digamos que todos están en contacto con Nicole e aceptan voluntariamente recibir os efectos. Por tanto, só hai que agardar un número de asaltos para que vaia sumando o seu ACT até que chegue ós 120 puntos, momento no cal poderá lanzar o feitizo e quedarán todos protexidos. Cada día poderá estender a súa extensión gastando 10 puntos de Zeon, que son os mesmos que rexera automaticamente por ter 10 de ACT, polo que ela e os seus amigos quedarán ben protexidos (e estériles) indefinidamente. Por certo, a forma que toma o feitizo queda a disposición da imaxinación do xogador que a lanza, pero non se me ocorren moitas que poidan previr enfermidades e, ó mesmo tempo, tamén a concepción.

Que en que clase de historias este feitizo ten razón de ser? Pois nin idea, a parte de dirixir nin a mirei, pero se cadra é algo habitual neste universo. E quizais por iso mesmo é raro atopar unha imaxe dun ser feminino que non apareza medio espido.

Ben. Todo isto era porque tiñamos 600 puntos de desenvolvemento para gastar, pero iso terá que agardar a outro día, que hoxe non quero tolear máis.