Anima: Beyond Fantasy – Core Exxet. Creación de personaxe (III)

Na entrada anterior escollín os feitizos, pero algo non me encaixaba: como sabía que a feiticeira podía realmente lanzar conxuros? Semella unha pregunta estraña, pero en ningures vira unha listaxe de que clases tiñan o Don. Resulta que é unha vantaxe que hai que comprar con dous puntos, e xa avisa o propio libro que, sen ela, non se poden lanzar sortilexios por moito feiticeiro que se sexa. Deixarei aviso na primeira entrada, pero comento por aquí que troquei “Maxia innata mellorada” e “Boa sorte” para incluír o Don como vantaxe. E logo fálase da peaxe que hai que pagar nas terceiras edicións de D&D con certas dotes! Semella que calquera erro de deseño do xogo de rol máis famoso do mundo ten unha versión multiplicada en Ánima.

O outro sistema no que se poden especializar as místicas, coma Nicole, é o de invocación, coas súas propias regras alleas ás da maxia. A miña primeira intuición foi evitar esta investigación, xa que non me apetecía descifrar todo o que involucra. A miña segunda intuición foi que Nicole, que ten unha fobia grande á soidade, seguramente estaría de acordo en poder traer amiguiños doutro plano, así que terei que botarlle un ollo. Logo de ler un pouco por riba o de convocar/dominar/atar, semellábame demasiado violento para cos pobres seres invocados, xa que consiste en impoñer totalmente a vontade da feiticeira e afogar a liberdade do convocado. Foi nese momento no que lembrei que Nicole tamén ten un feitizo chamado “Crear sentimentos positivos” que soa a ética dubidosa, polo que podemos afondar nese lado escuro seu, rebautizala como Nicole Willow e deixar que faga o preciso para non sentirse soa.

Hai todo un capítulo de como compoñer seres sobrenaturais, mais tamén un pequeno compendio dalgúns xa listos para ser empregados, inda que semellan ter todos un nivel bastante elevado. Optarei por ir un pouco máis ó abstracto e imaxinar un ser de luz etéreo de nivel 0, chamada Lumieira. Para facelo máis doado, escolleremos a opción de elementalismo para Nicole, que outorga un +30 ás habilidades de convocatoria de seres de luz a costa dun -30 ós demais e un -60 ós de escuridade. No pasado xa apareceu Lumieira diante de Nicole, pero a feiticeira nin sabe o seu nome verdadeiro nin ten nada dela, polo que non roubarei máis modificadores dese estilo amparándome na historia previa. O plan de Nicole é facer que Lumieira volva e non sexa capaz de fuxir, polo que pasa unha semana (+50) facendo preparativos para deixala ben atada na súa vara cunha cara riseira (unha vara que igual teño que mercar noutro capítulo do libro, porque ten que ter unha presencia base de, polo menos, 20).

O plan sería convocar a Lumieira, dominala e logo atala, todo no mesmo ritual. Segundo a táboa 64 as dificultades para facer isto cun ser de nivel 0 son 140, 180 e 160 respectivamente (curiosamente nesta táboa as dificultades soben 20 por nivel, todas ó par, polo que polo menos hai unha fórmula clara para eses valores). Restándolle o bonus de 70 quedan valores de 70, 110 e 90 que hai que superar cun tres tiradas dun dado de 100 caras. Se conseguimos baixar eses valores a 50, teríamos un 12’5% de posibilidades de que funcione o plan, que non é moitísimo pero polo menos dá algo de esperanza, e supoño que poderíamos tentalo outra vez no futuro, se cadra con algún bonificador adicional. Para conseguir eses números temos que ter 20 puntos en convocar, 60 en dominar e 40 en atar. Como cada punto deses custa 2 puntos de desenvolvemento da feiticeira, gastaríamos 240 dos 360 puntos dispoñíbeis para habilidades sobrenaturais. Ten pinta de que este xogo premia a especialización por riba de todo, así que non semella moi boa idea. Non me apetece convertela en conxuradora de maneira que teña moito máis doado facer todo iso, así que xa atoparemos a alguén que meta na vara unha amiguiña para Nicole Willow. Namentres, terá que apañarse con facer amigos á vella usanza. Ou con “Crear sentimentos positivos”, claro.

Vouno deixar aquí por hoxe. Semella que non avancei moito na creación, mais aprendín algo máis sobre o sistema, corrixín o erro importante sobre o Don, Nicole “crear sentimentos positivos” Willow xa ten un apelido e coido que estou máis ou menos listo para darlle os toques finais na seguinte sesión.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.