Anima: Beyond Fantasy – Core Exxet. Creación de personaxe (IV)

Como ía dicindo, cada personaxe de nivel 1 ten 600 puntos de desenvolvemento para gastar, e Nicole Willow non vai ser menos. Logo de desbotar a idea de investir en conxuración, teño máis ou menos claro como investir os puntos da parte sobrenatural. Existe un límite do 60% do total para esta categoría, e dese 60% só podemos gastar o 50% na habilidade de “proxección máxica”. Entendo desas limitacións que a proxección máxica é moi importante, así que lle vou asignar os 180 puntos máximos para un total de 85, por un -5 de destreza. Os outros 180 van repartidos entre ACT (150PD para un incremento de 30 e un total de 40) e Zeon (30PD para un incremento de 150 e un total de 385).

O resto de puntos de desenvolvemento van a habilidades secundarias, cos seguintes resultados logo de escoller tamén as habilidades naturais (5 que reciben un +10) e os bonificadores naturais (repite bonificador nunha física e noutra mental):

  • Bailar: 30 (20PD/2 + 5 axilidade + 5 bonificador natural + 10 habilidade natural).
  • Herboristería: 45 (30PD/2 + 20 intelixencia + 10 habilidade natural).
  • Ocultismo: 65 (60PD/2 + 5 feiticeira + 20 intelixencia + 10 habilidade natural).
  • Persuasión: 70 (40PD/2 + 20 intelixencia + 20 bonificador natural + 10 habilidade natural).
  • Valoración máxica: 120 (90PD + 10 feiticeira + 10 poder + 10 habilidade natural).

Outros valores importantes que hai que encher na folla de personaxe son:

  • Puntos de vida: 100 (20 base + 70 constitución + 5 constitución + 5 nivel).
  • Quenda: 45 (20 base + 5 axilidade – 5 destreza + 20 desarmada + 5 nivel).
  • Coñecemento marcial: 10 (nivel). É preciso ter 40 para empregar Ki, así que un sistema menos que aprender!
  • Control de vontade innata: 1 (nivel). Penso que non é abondo para empregar nada psíquico.
  • Resistencia física: 35 (30 presencia + 5 constitución).
  • Resistencia contra enfermidades: 35 (30 presencia + 5 constitución).
  • Resistencia contra velenos: 35 (30 presencia + 5 constitución).
  • Resistencia máxica: 40 (30 presencia + 10 poder).
  • Resistencia mental: 40 (30 presencia + 10 vontade).

E isto non sería unha aventura de altísima fantasía se non tivésemos que contar cada moeda para poder mercar roupa básica. Determinei cunha tirada ó chou a clase social de Nicole, que resultou en media, o que lle outorga 1 moeda de ouro, equivalente a 100 de prata, para as súas compras iniciais. Estas foron:

  • Pantalón (1MP)
  • Cinto (1MP)
  • Camisa (2MP)
  • Capa (2MP)
  • Sombreiro (2MP)
  • Luvas (2MP)
  • Roupa interior feminina (2MP, a lencería custa 5MP pero non existe en todas as vilas).
  • Botas de viaxe (5MP).

Tamén quería un cetro (15MO) ou bastón artístico (3MO), mais non chegan os cartos, polo que conformareime cunha vara a dúas mans (40MP) que fai ás veces de arma física e ten 30 de presencia, abondo para o ritual ese que quería facer pero que Nicole non pode. Queda pouco máis de media de moeda de ouro para imprevistos. Cousas como papel (1MO), tinta de escribir (1MO), un abano (1MO) ou un espello pequeno de cristal (200MO!) quedan totalmente fóra do seu alcance. Non sei como fará a guerreira media para non loitar espida.

E con todo isto, dou por finalizada a creación de Nicole Willow para o xogo de rol de Ánima. Faltaríanme por calcular os números de combate físico e se cadra algunha cousiña máis que ficou por aí perdida, pero foi abondo para entender un mínimo do deseño. Logo de rematar, dinlle un tento á famosa folla en Excel e, agás algún bonificador que saquei do atributo que non era, semella que fixen todo máis ou menos ben. Polo de agora non teño nin idea de como se xogaría realmente unha partida, pero non é que quedase con ganas precisamente.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.