<<

The Textorcist: The Story of Ray Bibbia

Este xogo é unha mestura de inferno de balas e mecanografía. Con esa única frase defínese perfectamente este deseño. Se engadimos que todas as loitas son contra xefes e que, entre unhas e outras, hai pequenos escenarios crebacabezas, xa teriamos o núcleo lúdico establecido. A narrativa, pola súa banda, conta a historia de Ray Bibbia, un exorcista autónomo que traballa á marxe do Vaticano nunha Roma moi decadente. O xogo foi desenvolto por un equipo italiano e publicado no ano 2019, incluíndo diferentes modos de control para tamén permitir empregar un mando.

Este último dato enciclopédico atopeino agora, cando se me deu por escribir o parágrafo anterior tan eslamiado, xunto coa posibilidade de trocar o sistema de movemento nuns axustes ocultos. De saber iso mesmo con anterioridade, a experiencia tería sido bastante diferente, xa que apartar a man dereita do seu sitio para mover o protagonista coas frechas sempre me resultaba pouco natural e que ía totalmente en contra de calquera xogo que teña a mecanografía como compoñente. Condicionou tanto os desafíos que aceptei que non sería moi capaz de alternar entre un modo e o outro, e simplemente tentaba atopar unha posición segura onde escribir o máis rápido posible antes de ser golpeado por algunha dos millóns de balas da pantalla. Nese caso, o protagonista perde o seu libro sagrado pero non recibe dano, e temos unha fiestra de invulnerabilidade para recuperar a Biblia e continuar o exorcismo. Abusei moitísimo desta mecánica, sen vergoña ningunha.

Con esa estratexia, a miña primeira pasada polo xogo levoume tres horas activas, logo das cales desbloqueáronse novas modalidades de xogo e dificultades, que non teño previsto visitar. A idea non me resultou mala e é un esforzo nobre pero, postos a repasar o de teclear a toda velocidade, preferiría volver ós Typing of the Dead. Os entremeses a modo de aventura gráfica non me resultaron para nada interesantes, e moitas veces semellaba que había que atopar o píxel máxico para poder avanzar por eles. O mesmo coa historia principal, que non me convenceu en ningún intre por moito que detalles da ambientación si que me resultasen ben curiosos. Ese Nápoles tan asiático ou a banda de black metal vegano foron as notas máis simpáticas do guión, que en xeral non era para min.