SteamWorld Dig 2

Teño en boa estima os videoxogos do universo SteamWorld, e iso que, até o de agora, só xogara a dous: o primeiro SteamWorld Dig e o SteamWorld Heist. Este último pareceume moi inspirado e unha boa implementación de xogo bidimensional-lateral por quendas. O primeiro foi un pequeno entretemento que coido que tivo algo máis de sona no seu día pero que non ten tanto percorrido. Xa nin lembro como chegaron á miña librería, pero a segunda parte do Dig tamén estaba aí e parecía un bo momento para xogalo, polo menos mentres non apareza o SteamWorld Quest na miña conta.

Xa pasaron anos dende o meu paso pola precuela, e supoño que esta versión terá bastantes cambios e melloras, pero na miña mente foi coma xogar outra vez ó orixinal, só que con outra protagonista nunha aventura máis longa. Tampouco é que custe coller o ritmo, xa que a mecánicas básicas son moi sinxelas e as novas habilidades van aparecendo ós poucos con tempo de sobra para dominalas. Desta vez non tiven ese comezo lento onde ía apañando todos os minerais que podía e facendo continuas viaxes entre a mina e a cidade, senón que intentei tirar cara abaixo, centrándome na misión e sabendo que os obxectos máis valiosos sempre están máis profundos. Non sei se foi por ter esa experiencia previa o se foi un troco desta secuela pero, agás un par de veces, non me sentín bloqueado pola falta de luz, que teño o recordo de ser algo máis habitual no anterior da saga. Tamén axuda que o seguinte destino agora apareza indicado claramente no mapa.

O que non lembraba até que apareceron foron as cavernas con desafíos. De cando en vez atoparemos unhas portas que nos levarán a uns niveis afastados do resto do mundo no que obter engrenaxes para mellorar o equipamento. Alí teremos que superar unha proba opcional de habilidade ou enxeño, como por exemplo superar varios obstáculos sen tocar uns activadores ou resolver un Sokoban aproveitando a gravidade e as mecánicas de movemento do xogo. Ademais, tamén (moitas?) agochan uns artefactos coleccionables se imos un paso máis aló e nos esforzamos por atopalos. O nivel de dificultade é maior ca no mundo exterior, pero a súa opcionalidade e orixinalidade danlle bastante graza. Eu fun completando todas as que me ía atopando nun comezo, inda que non din con todos os artefactos daquelas polas que pasei, mais preto do final decidín pasar delas por axilizar o completado do xogo.

E desta vez non foi simplemente por apurar todo o posible, que tamén, senón por conseguir o logro de superalo en menos de catro horas. Xa o conseguira tamén na precuela, inda que alí ó tempo é de tan só dúas horas e media e precisei unha segunda pasada, polo que supuxen que, con tres horas no contador e xa na fase final, podería estar ó meu alcance. Resultou que non tiven moita marxe, en parte porque me perdín un pouco atopando a entrada alternativa ó oasis, pero sobráronme case quince minutos. Non o fixen tan ben no apartado de mortes e de segredos e non me importaría repetir a aventura tentando non morrer en ningún momento, mais o de obter todos os segredos, sen morrer e en menos de catro horas semella bastante complicado sen un plan claro que non teño.

O final sorprendeume polo sombrío que resultou en todos os aspectos. De feito tiven que confirmar en internet que non había múltiples finais e que o que eu vira era un malo. Se cadra a historia continúa no SteamWorld Quest: Hand of Gilgamech, que tamén ten boa pinta, pero cando chegue o momento de xogalo igual lembro da narrativa deste o mesmo que lembro do SteamWorld Heist (que é pouco máis alá dalgún inimigo e algunha canción). Para este polo menos xa teño entrada no diario.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.