<<

Etrian Odyssey III: The Drowned City. Capítulo 1

Na anterior entrada deixei patente o meu plan respecto do grupo titular para este xogo. Pensaba que non sería un equipo moi axeitado e agora teño máis claro que si que o pode ser, pero precisaba algúns axustes.

O meu medo inicial era non ser capaz de sortear os compases iniciais tendo en conta que na fila de atrás levaba dous magos zodiacais, que historicamente non tenden a ser moi útiles a niveles baixos, e un monxe curandeiro, que non tiña maxias de ataques nin armas de longo alcance. Na dianteira capitaneaba un hoplita especializado na defensa e un invocador salvaxe que tardaría bastante en aprender a súa primeira invocación, inda que por sorte pode levar escudo e armas interesantes. Non obstante, foi máis que abondo para, cos seus debidos descansos para recuperar vida e resucitar a Risi, explorar os tres primeiros niveis do primeiro escenario. Tanto Homero Patacopoulos coma Risi golpeaban forte dende a liña de diante, e as maxias dos irmáns Chouquer e Patricia Akkah resultaban imprescindibles cando tocaba facer fronte a algún inimigo que non puidese aguantar moito tempo vivo. Pola súa banda, Ivan Rasputin mantiña a todos con puntos de vida abondo para alargar as incursións o máximo posible.

Todo iso era suficiente, mais non ideal. A miúdo tiña que volver cara a cidade e, tras gastar os cartos en descansar e repoñer os consumibles empregados, a ganancia monetaria era ridícula. Tampouco contei con que se tardase tanto en desbloquear a clase secundaria (é no terceiro escenario, non no terceiro mapa coma eu pensaba) e Choucer xa non tiña habilidades planificadas para poñer os puntos, polo que esixía polo menos unha reformulación. Esta materializouse na substitución temporal de Choucer por Tubércula, unha granxeira parente dos Patacopoulos. Con ela a nivel 1, aproveitei por vez primeira as casas onde se podían atopar materiais especiais diariamente e obtiven unha pequena fortuna para equipar de mellor maneira a todos os seus compañeiros. Dado que Risi tiña unha lanza, deixei que fora cara a fila de atrás para aproveitar o rango, mentres que Ivan pasaba á primeira fila cunha maza nova. Choucer volveu ó equipo e aproveitei para destruír uns inimigos fortes que patrullaban polo segundo mapa e un hipopótamo que agardaba pacientemente no terceiro.

Non tiña mellor razón para enfrontarme a ese hipopótamo que porque tiña ganas de probar. Como tiña unha cor especialmente rechamante na vista en primeira persoa, agardaba que sucedese algo importante cando caese, mais non foi así. Agora mesmo a única busca que teño sen completar é unha das primeiras: atopar un sitio tranquilo para tomar o sol no primeiro mapa, algo que parece sinxelo pero que non teño nin idea de por onde pode estar (ou como activalo, se non basta con pasar por el); a recompensa é baixa e as loitas no primeiro nivel xa non dan experiencia, así que igual abandono. Diría que tampouco teño máis maneira de progresar no terceiro nivel porque está bloqueado por unha lagoa e por un río. O único que me queda é investigar algo máis nos mares, xa que hai un paxaro que non me deixa achegar ó faro que teño que visitar (igual teño que entrar por outro lado?) e unha illa que quere cedro da cidade pero que tampouco sei de onde sacalo (se cadra dun punto destes de apañar madeira con Tubércula?). Tampouco estou a tomar notas de todas esas cousas nin dos consellos da taberna, relegando na miña memoria cousas como matar unhas gambas con maxia de xeo para poder obter a súa cola. Supoño que, mentres non note unha falla terrible, seguirei así.