<<

Etrian Odyssey III: The Drowned City. Capítulo 2

Na anterior entrada pensaba que estaba totalmente bloqueado no mapa principal. Chegara ó terceiro nivel e, logo de explorar todas as casas, non había maneira de continuar. Ou diso polo menos estaba convencido, logo de pasear varias veces por aí. Na seguinte incursión quixen asegurarme ben de que non había ningún camiño oculto por ningures, mirando todos e cada un dos muros que eu debuxara no meu mapa. E velaí estaba! Unha porta totalmente visible, incluso dende lonxe, nun espazo que eu pintara unha parede moi alegremente. E ademais era unha porta que tiña simetría perfecta con outra dentro da mesma zona, polo que era de agardar que aí tiña que haber algo. Após pasar por ela, e tras algunhas viaxes á cidade para repoñer forzas, conseguín explorar totalmente (ou iso penso) as seccións accesibles deste nivel e atopei os chanzos que baixan para o seguinte. Pode que tamén aniquilase a algún outro pobre hipopótamo xigante que pasase por alí.

No cuarto nivel tamén pululaban algúns deses inimigos especialmente fortes que se poden ver, e evitar, dende o modo de exploración. Trátanse duns veados máxicos que poden confundir a todo o grupo pero que, polo demais, non son especialmente perigosos. Nunha longa incursión polos seus terreos, acabei matando varios deles, gañando moreas de puntos de experiencia. Estaba xa preparándome para empregar o obxecto de volver inmediatamente á cidade cando entrei nun combate ó chou contra uns inimigos duros pero que non supoñían un risco real de derrota. Fixándome na pantalla principal non me decatei de que, no minimapa, o cervo corría cara nós e rematou participando na loita! Os meus intentos por fuxir foron fracasando quenda tras quenda e acabei vendo a única pantalla de xogo rematado nestas doce horas e pico de xogo, perdendo toda a experiencia adquirida polos meus personaxes nesa excursión. Cando pasa isto, o xogo permite gardar o mapa pintado, pero non queda outra que cargar a última partida gardada e recuperar o resto do estado sen máis concesións.

Logo de superar o dano psicolóxico de tal pau, fixen un par de incursións menos avariciosas para chegar a un estado equivalente ó anterior. Desta vez non cacei tanto cervo, xa que agora téñolles máis respecto, pero de aí non se moverán e poderei volver cando queira para vingarme. De feito, unha das características desta saga e que todos os inimigos volven aparecer logo dun tempo, incluíndo os xefes, polo que non é posible perderse ningún dos seus obxectos que poden botan ó morrer. Polo camiño tamén superei unha busca que esixía pescar (matar, realmente) varios inimigos que semellan peixes e, cantos máis entreguemos, maior sería a recompensa. Non levei a conta de cantos levaba e, cando superaba algún limiar, saía unha mensaxe avisando do feito. Pensando que xa estaba na cota superior, abandonei o lugar e obtiven tan só o terceiro premio. Esta busca é algo que non se pode repetir, pero as recompensas de experiencia e obxectos pódense obter doutras maneiras, así que tampouco son cousas exclusivas. Todo isto coméntoo porque me parece ben interesante, mais penso que xa deixei atrás esa mentalidade de ter que ter a partida perfecta en todos os baremos.

Foi cuestión de tempo chegar até o final do quinto nivel e atoparme co primeiro xefe obrigatorio do xogo. Era outro tipo de pescado que, para comezar a loita, había que planear unha ruta e sorprendelo nun punto determinado collendo un camiño secreto, xa que sempre fuxía do noso grupo. Houbo que repetir iso unha vez máis, logo de que escapase coa metade de vida a curar as súas feridas, pero conseguín vencer cos puntos de vida e maxia xustos para volver á cidade a alardear do logro. Obtiven bastantes puntos de experiencia que investín como mellor me parecía, xa que moitos dos plan que tiña para cada personaxe non os puiden aplicar: contaba con desbloquear as clases secundarias no terceiro nivel do alxube pero resulta que é no terceiro estrato do alxube. Agora tócame deixar atrás o claro bosque e entrar nun mundo subacuático.

Na parte náutica sigo no mesmo punto, mais tampouco tentei avanzar moito máis. O paxaro segue ferreño para que eu non chegue ó faro, e do cedro que me piden nunha illa non teño nin idea polo de agora. Igual tería que aplicarlle o mesmo tratamento que ó terceiro nivel do mapa principal e asegurarme ben de que non me estou a perder nada. Non sería moi complicado porque só podo moverme oito espazos en cada viaxe pero tamén require uns poucos cartos que, a falta de facer máis incursión con Tubércula no outro modo, tampouco sobran. Polo de agora saio pescar de cando en vez cando vexo que hai bancos de peixes que poden resultar rendibles.