<<

General Chaos

Xa non sei onde, atopei unha frase sobre este General Chaos da Mega Drive que dicía algo como “todos lembramos este mítico xogo de 1993”. Como todas as frases que levan o adxectivo “mítico” empregado con este significado, só alude a experiencia persoal do emisor. Eu non o tiven, os meus amigos non o tiveron, ninguén me comentara nada del e non recordo nin ter visto unha imaxe do mesmo en tendas ou revistas. Descubrino, a comezos do milenio actual, nunha gran colección de “roms” de Mega Drive e Super Nintendo que me agasallaron antes de que eu soubese da maxia esa; e cheguei até el simplemente porque probei os centos de ficheiros que viñan no cedé, algúns dos cales prefiro non falar nunca.

Inda que, polo xeral, teño mellor memoria para os videoxogos que para outros medios culturais, dista moito de ser perfecta, e velaí a razón de ser deste diario: poder refrescar as vivencias lúdicas. Mais neste caso o que lembraba de ter xogado algúns días hai uns vinte anos foi exactamente o que me atopei: un xogo de tácticas en tempo real no que todo o mapa é visible en todo momento e onde cada un dos dous bandos só pode ter cinco unidades ó mesmo tempo no campo de batalla. O modo de xogo consiste en dar ordes de movemento a cada unidade por separado e ver como atacan (case) automaticamente ós inimigos. A graza consiste en situalas axeitadamente para que podan aproveitar o mellor posible as cadansúas armas, xa que cada unha ten unha maneira moi particular de disparar. Como curiosidade, tamén existe a posibilidade de, no lugar de dar ordes ós soldados, manexar un equipo de dous comandos con controis máis tradicionais. Eu probei esta modalidade que lembraba máis poderosa, pero a perda de forza de fogo, non me compensaba a ganancia en modalidade. Ademais, por moito que se diga que é difícil o modo de dar ordes, unha vez que interiorizamos que tras mandar un soldado a un determinado punto a selección pasa ó seguinte, non resulta nada complicado colocar cada unha onde máis nos conveña. Unha vez que quedan poucas, tamén hai marxe abondo para dar ordes continuas e así evitar os ataques rivais coma se fósemos un profesional do StarCraft.

Máis habituais, pero non mellores, son os controis para as loitas corpo a corpo sen armas, onde poderemos empregar as mans e pernas para zoupar no adversario nun minixogo con reminiscencias ás pelexas dos videoxogos de hóckey sobre xeo. Se hai estratexia eu non a atopei, gañando sen problemas case todas as liortas na primeira campaña e perdendo case todas nas outras dúas. Algunhas das perdidas foron por abusar do mesmo ataque unha e outra vez, que o xogo castiga facendo que o rival gañe automaticamente cando xa estabamos satisfeitos coa vitoria, algo que descubrín un pouco de casualidade lendo fóra do xogo nun intermedio.

Con todo, superei sen problemas a primeira campaña, tiven que repeler o inimigo da miña capital e gañar terreo para rematar vencendo na segunda campaña e volvín gañar a terceira sen tantos problemas. Todo iso nun par de sesións curtas, e o xogo pouco máis ten en modo dun único xogador. Existe un sistema de puntuacións que anima a cumprir obxectivos secundarios coma protexer ou destruír certos elementos, pero non posúe unha rexogabilidade habitual. Outra cousa é co modo multixogador, xa sexa en competitivo ou cooperativo, que tamén probara naqueles tempos pasados e que lle dan unha verdadeira graza ó deseño, polo menos para algunha tarde non moi produtiva. Unha desas tardes tan habituais cando me agasallaron aquela colección masiva de videoxogos que agora non podo máis que lembrar con agarimo.