<<

Slay the Spire. Capítulo 5

Xa vai boa que non falo por aquí do Slay the Spire, pero nunca o tiven esquecido de todo. De cando en vez arrancaba unha partida no modo de desafío diario, normalmente gañaba e pechaba o xogo até outro día. Ese desafío diario tende a trocar tanto as regras básicas do xogo que me quitaba toda a preguiza de comezar outra vez coas cartas básicas e tentar chegar até o cumio da estrutura. Ademais, as regras novas tamén dan como resultado barallas moito máis divertidas e soen facer moito máis doada a vitoria, polo que era xusto o que precisaba para unha partidiña sen pretensións nesa época de transición entre que remato de xogar algo e veño aquí a escribilo.

Non obstante, vin que moito dos meus amigos seguían sumando máis e máis horas, acadando o triunfo no nivel de ascensión máis elevado. Para min ese fito requiría un nivel de xogo moito máis elevado do que eu tiña, e restrinxía o tipo de barallas que se podían levar a aquelas que se sabía que funcionaban ben, polo que non me atraía de todo. Non obstante, a envexa foi grande e animeime a probar esa ascensión. Como de complicado podería ser realmente? Pois xa imaxinaba que abondo, polo que pedín axuda xa de entrada para que me guiaran nunha partida e ver así que pinta terían as estratexias gañadoras. Recomendáronme a cazadora menos falandeira e funcionou moi ben, xa que conseguín unha vitoria no terceiro nivel de ascensión grazas as indicacións e aprendín que cousas non facía de todo ben. Sumándolle a información desta guía, tiña unha base medianamente axeitada para seguir subindo.

Tiven un segundo éxito consecutivo no cuarto nivel de ascensión, perdín a pelexa contra o corazón no quinto nivel por un punto de vida (que é abondo para desbloquear o seguinte chanzo de dificultade igualmente) e unha nova vitoria no sexto, poñéndome en bo camiño para conquistar este modo de xogo. Pero a realidade golpeou de maneira dura no sétimo. Nese punto os inimigos normais gañan puntos de vida e, algúns, de defensa, polo que son máis complicados de aniquilar. Foi no sexto intento cando, cunha baralla formada por catro Dagger Spray, tres Endless Agony, outras trinta e dous cartas e moita sorte, cando conseguín vencer ó donut e compañía. Claramente precisaba algo máis que consellos xenéricos se quería seguir subindo, polo que vin algúns vídeos dun tal Baalorlord, que conseguía matar o corazón a miúdo no nivel de dificultade máis alto. E algo saquei en limpo, ante todo a recoñecer as fortalezas e carencias de certas cartas que non tiña ben identificadas.

Inda así, non foi un camiño nada doado. Cos inimigos de elite agora con máis puntos de vida, levoume outros seis intentos facer unha nova conquista. Esta vez tamén levaba trinta e nove cartas, entre a que destacan dúas After Image, catro Blade Dance e moitas para roubar máis cartas, polo que non tiven problemas en sobrevivir contra o deus-corvo final por moito que xogase algúns poderes bastante cedo. Pode que entre partida e partida aprendese algo, porque só tardei cinco intentos en superar o noveno nivel, inda que foi con corenta e tres cartas, polo que o de non coller cousas de máis inda é unha materia pendente. O décimo nivel introduce unha maldición obrigatoria na baralla inicial, pero non me pareceu un salto de dificultade moi elevado, e tiven dous tentos prometedores que remataron cunha vitoria á terceira. Outra vez con corenta e tres cartas, por que non? E iso que me apañei para sacar os cinco ataques básicos da baralla, pero como tiña unha morea de cartas que descartaban outras cartas e cada un deses efectos deixaba tres puntos de bloqueo, pois tampouco precisaba atopar nada en particular moi cedo. De feito superei os xefes finais sen xogar ningún dos dous Wraith Form que levaba.

E xa tiña decidido poñer o freo no décimo nivel, logo de obter o logro da metade do camiño. Paseino ben, aprendín moito, pero foron máis quince horas activas chegar até aí e penso que todo o que queda pode levarme facilmente tres veces ese tempo. Ademais de que quizais queira probar outra vez os outros protagonistas antes de seguir coa silente, xa que me adiquei exclusivamente a ela neste tramo.

  • Horas transcorridas (silente entre parénteses): 114.5 (45).
  • Vitorias: 66 (24).
  • Derrotas: 107 (47).
  • Andares subidos: 6079 (2256).
  • Xefes matados: 294 (104).
  • Inimigos matados: 5846 (2222).

P.D: como non tiña capturas abondo, decidín xogar outra partida máis e leveime unha vitoria en ascensión 11, como se pode ver nas diferentes imaxes desta entrada.