Metroid Prime. Capítulo 4
Confío bastante neste xogo. O deseño abusa de ser videoxoguil en moitos aspectos: existen portas no medio dunha xungla con cores a xogo coas armas que as poden abrir, melloras para Samus agochadas en lugares recónditos e seres vivos cuxo único cometido na pirámide trófica é amolar. Non obstante, confío bastante no xogo. Porén, cando logo de percorrer toda unha explotación mineira chea de inimigos atopeime nunha habitación grande e pechada contra un rival invisible e invulnerable, supuxen que me estaba a perder algo, pero entre tanta acción a morte viu pronto e non puiden explorar moito. Tiven que repetir outra vez toda a travesía pola mina ata chegar a ese punto, outra vez con poucos puntos de enerxía restantes e outra vez aturando moreas de disparos ata a morte. E o mesmo resultado: morto polo dron invisible inda que aprendín algo máis do resto de elementos da habitación. Había unhas plataformas polo teito iluminadas dunha maneira moi sospeitosa, unha porta bloqueada por unha barreira destrutible (inda que non polo meu armamento actual) e un xerador no centro, xa nas últimas, que agochaba unha mellora para o modo bóla.
No terceiro ou cuarto tento conseguín chegar de novo a esa habitación xigante con vida abondo para probar todas as miñas teorías. Nos computadores que había na entrada non aparecía ningunha pista, pero ben é certo que podería terma perdido se aparecese antes porque non estou a ler as páxinas e páxinas de literatura que ten o xogo. Xa na parte interior, paseei por todas as plataformas elevadas en orde, intentei derrubalas por se eran parte da fonte enerxética da máquina, fixen que o inimigo disparase contra a barreira destrutible e contra o xerador, bloqueei o xogo ó facer un disparo contra o teito… É dicir, que probei de todo e non daba coa solución. E seguía convencido de que o xogo merecía a miña confianza e que non me encerraron aí sen saída, polo que tirei de guía. A solución? Dispararlle ó invisible coa arma de ondas. Eu teño cen por cen seguro que lle disparei coas outras dúas armas e cos mísiles e todos rebotaron sen efecto, supoño que nalgún momento tamén probei esa arma de ondas pero non rexistrei que realmente colidiron positivamente. Logo de saber o truco, resolvín sen problemas a loita, conseguín a mellora e gardei a partida. Foi abondo.
Polo demais todo seguiu as pautas agardadas. Un novo traxe permitiume ver e moverme libremente debaixo da auga, o que abriu algunhas zonas novas que agochaban outras cousas para acceder a máis recunchos. De cando en vez atopaba algunha mellora permanente coma tanques de enerxía ou capacidade de mísiles adicionais. Estes últimos son un pouco decepcionantes ás veces, xa que facer todo un pequeno desafío opcional para que o número máximo suba de 85 a 90 non semella moi gratificante, e menos tendo en conta que os puntos de gardado non rexeran eses mísiles, polo que xa me atopei un par de veces procurando inimigos para repoñelos. A parte boa é, que sendo tantos, non teño ningún problema en empregalos estratexicamente para dar boa conta dos inimigos e avanzar máis rápido.
Supoño que a seguinte entrada xa será co xogo rematado, porque non creo que falte moito. Teño medo de ter que atopar os artefactos eses que medio se anunciaron nunha zona central, xa que entendo que me obrigarán a ler e interpretar todas as pistas que apareceron nunhas antas modernas e logo tirar de memoria e navegación para chegar ata eles. E xa comentei antes que o de ler neste videoxogo non é o meu. Hai unha morea de textos que podemos obter se escaneamos os diferentes obxectos que hai no mundo, pero de moitos estou pasando e outros leo en diagonal sen prestarlle moita atención. Non digo que estean mal escritos, non sexan interesantes ou non contribúan a historia. Pero son moitos e a min non me apetece involucrarme tanto agora mesmo.