Etrian Odyssey III: The Drowned City. Capítulo 3
Comecei este grupo de sesións analizando o modo de navegación polo mar. Semella que a idea é ter algo que facer cando non apeteza ir ó labirinto principal, servindo tamén pra obter algúns poucos cartos. Eu ficara atascado moi cedo e, inda que sabía que precisaba evitar un paxaro xigante pra chegar ó faro e conseguir un anaco de cedro da cidade protagonista, non sabía por onde comezar. No lugar de seguir saíndo á mar pra pescar de cando en vez, decidín centrarme e pensar nos problemas abertos. Do cedro non había rastro nin no labirinto nin nas tendas da cidade, polo que quizais podería ser algo propio do modo que comeza no porto. E así foi! Sabendo que era cedro procedente da illa orixe, percorrín todas as casas de costa da mesma ata que atopei unha cuns madeireiros moi amables. Intercambiei ese cedro por provisións pra as viaxes marítimas, o que me permitiu chegar máis lonxe e, así, atopar un camiño alternativo ata o faro que non pasaba pola protección do paxaro aquel que tantas veces afundiu a miña nave, a Lusa.
Unha vez alí, é posible iniciar pequenas misións cooperativas con outros xogadores ou, no meu caso exclusivamente, con invitados automáticos controlados polo propio xogo. Estas foron moi doadas xa que o paxariño a estas alturas tiña un nivel moito máis baixo có meu fato, pero o seu propósito tamén é servir de sincronización entre o modo principal que é onde realmente poden gañarse puntos de experiencia. Agora que xa entendía o de viaxar en barco, conseguín explorar moitísimo máis da superficie mariña, visitando novos lugares, obtendo máis obxectos pra viaxar máis lonxe e superando máis desas misións. Todo sen problemas até que unha delas requiría un nivel próximo a trinta cando os protagonistas andaban polo vinte. Semellaba que era un bo momento pra volver ó labirinto e continuar coa misión máis importante.
Rematara alí a miña última incursión no novo estrato, que consistía en camiñar polo fondo do mar. O único así un pouco diferente eran unhas correntes de auga que empurran nun determinado sentido e, por tanto, prohiben percorrelas ó revés. Fun anotando con paciencia todas no meu mapa da pantalla secundaria e, tras algunhas horas, xa tiña perfectamente identificados todos os camiños dos primeiros tres niveis desta zona. No cuarto atopei o xefe final do estrato: unha poderosa balea que me levou moitos dos meus obxectos dun único uso e que case trae unha derrota logo dunha longa batalla. Non foi así e conseguín atopar unha chave especial que, supoño, permitirá que poida acceder á cidade afundida que é mencionada no subtítulo deste videoxogo. Nas próximas sesións terei que asegurarme que non quede nada interesante no cuarto nivel desta zona e identificar as portas que agora podo abrir, xa que marquei a existencia de todas pero non que chave precisaban.
Canto ó tema das habilidades das personaxes, xa vai boa que estou improvisando. Teño unha función asignada a cada unha e intento que sexan especialistas en defensa, curación, invocación ou dano máxico. O que preciso agora, ante todo pra os xefes máis duros, son efectos que degraden as súas habilidades. Neste xogo os inimigos máis poderosos non son inmunes a efectos coma a parálise que provoca a vaca que invoca Risi, polo que é unha maneira ideal de aproveitar a vantaxe numérica que soe existir neses casos. Precisamente este invocador ten unha habilidade que non lle aprendín pra baixar o dano dos rivais, e semella que faría as cousas moito máis fáciles cando tocan eses ataques en área que matan inmediatamente ós dous feiticeiros na liña traseira e, non poucas veces, ó curandeiro da dianteira. Outra opción será agardar polas clases secundarias (que igual xa aparecen ó comezo do terceiro estrato) pra ver se algunha outorga algunha capacidade similar.