<<

Etrian Odyssey III: The Drowned City. Capítulo 4

O terceiro estrato trae a novidade principal de incluír algunhas casas nas que o grupo perde puntos de vida cada vez que as pisa. Dende o comezo da aventura ata case o final destas sesións, eu pisei todas e cada unha das baldosas que compuñan o labirinto explorable. Obviamente neste tramo perdín moita vida por ese motivo e tiven que volver a miúdo a descansar para lamber as feridas. Chegou un intre no que me decatei da inutilidade diso, xa que todas as corredoiras ou eventos agochados sempre están nas paredes, polo que podía empregar o pincel na pantalla pequena para cubrir manualmente os lugares interiores de vermello (se era unha baldosa de lume) ou de azul (unha baldosa normal) fiándome da visión en primeira persoa e sen perder puntos de vida. Se tivese feito iso mesmo dende o inicio seguramente non levaría agora mesmo preto de corenta horas, algo que semella bastante elevado tendo en conta que HLTB marca corenta e nove de media e que non estou cerca do final.

Sei isto último porque estragueime un pouco sen querer, lendo que hai un total de cinco estratos, trinta niveis de alxube cando eu só levo doce completos. A miña aposta é que a historia remata no vinte e os outros dez son de contido adicional, pero inda con esas estimacións faltarían un par de decenas de horas a este ritmo, no que deixo explorado todo o mapa e completo todas as buscas ofertadas. Pero xa veremos. Eu só quería saber que pasaba se, no lugar de decidir aliñarme coa cidade de Armoroad aceptando destruír o gardián como fixen, aliñábame coa Cidade Profunda para protexelo. Semella que trocan algúns xefes máis adiante e seguen liñas un pouco diferentes, pero nos mesmos alxubes. A miña decisión realmente foi dende o punto de vista de xogador: se de verdade están uns inimigos moi poderosos aí embaixo, penso que debo de abrir camiño e loitar contra eles antes de que, inevitablemente, sexan eles os que veñan a por nós. Se nós somos os invasores, temos que selo ata o final!

Outra cousa que me crucei nun foro é que levo niveis de máis nas miñas personaxes, que xa pasan do corenta as cinco. Isto púxose de manifesto claro na loita contra o gardián, que non me deu problema ningún, inda que o final quedei sen puntos de maxia nos dous feiticeiros zodiacais. De feito, no tramo final deste capítulo esa foi case a única razón que tiven nas diversas incursións para volver á cidade a descansar. Desbloqueáronse as clases secundarias no comezo do estrato e serviume para que Choquer investise os seus puntos en habilidades de príncipe. A que máis presta agora mesmo é a que, se está con todos os puntos de vida ó final dunha quenda de combate, cura a todo grupo nunha cantidade ben xeitosa. Con esa e outras curacións pasivas do mesmo príncipe, xa pouco tiña que tirar de Ivan Rasputín para curas fóra de loitas especiais. Ademais, o monxe incrementou a súa esquiva coas habilidades de ninja, polo que recibía menos dano en global. O resto de subclases non foron tan decisivas, pero permitiron, por exemplo que Patricia Akkah empregue agora béstas e poda facer dano elemental en área, ou que Homero Patacopoulos sexa capaz de apañar obxectos que hai tirados polo mapa. Ningunha é un poder que vaia rachar o xogo, pero estou moi contento de manter as decisións que tomaron os meus amigos.

Por último, tamén avancei moito no terreo naval. Descubrín o Océano do Norte desbloqueando unha morea de puntos de interese coas cadansúas loitas especiais. Non puiden gañar todas porque non tiña experiencia abondo, pero irán caendo ós poucos. Nun determinado punto penso que mencionaron algo de que me ían outorgar unhas velas novas ou algo así pero que tardarían en chegar; non sei moi ben a que esperan porque xa pasaron varias semanas dende entón e non teño máis noticias. De feito, parei as exploracións mariñas agardando por esa mellora, xa que teño identificada a seguinte parada e preciso un pouco máis de impulso para chegar aí coas provisións actuais. Xa veremos no próximo capítulo!