<<

Slay the Spire. Capítulo 6

Pouco despois de romper a barreira e comezar a consumir recursos externos do Slay the Spire atopeime facendo algunhas tarefas na casa con Baalorlord no fondo. Xa superara o décimo nivel de ascensión coa silente e non tiña pensado continuar nun tempo, mais pensei que podía aprender moito máis sobre o xogo vendo a alguén que consigue destruír o corazón no nivel de dificultade máis elevado bastante a miúdo. Ten moito mérito que este xogo de cartas permita unha variabilidade tan grande nos desafíos sen trocar o poder dos protagonistas, sendo sempre perfectamente adaptados ó nivel crecente do xogador. Eu teño moito camiño por diante por moito que leve máis de cen horas, polo que resumo aquí unhas poucas cousas que se poden aprender deses vídeos de Baalorlord. Obviamente non son técnicas secretas, pero a meirande parte non pasan pola miña cabeza cando estou no medio dun encontro:

  • Coñecer os movementos dos inimigos. Eu vou vivindo no momento, pero saber que poden facer os inimigos na quenda seguinte (algunhas veces con certeza absoluta) é unha vantaxe moi grande.
  • Planificar a seguinte quenda. Pouco empreguei o botón de ver as cartas que poderían vir na seguinte quenda, mais calcular o dano que poderemos facer poder axudar a preparar un equilibrio entre defensa e ataque axeitado.
  • Empregar unha calculadora. Xa non é só contar ben os números de armadura ou de dano, senón asegurarse de cousas como que triplicar o veleno e facer un ataque de trece cando o inimigo é vulnerable será abondo para asegurarse de que xa non estará aí para contraatacar.
  • Contar as pocións coma recursos. As pocións son moi poderosas, mais eu tendo a empregalas cando poden aforrarme algúns puntos de vida no curto prazo, e iso cando me lembro delas. Baalorlord pensa cal pode ser o encontro axeitado para cada unha moito antes de entrar no combate.
  • Planear a loita contra o primeiro xefe. Cada unha das tres posibilidades de xefes do primeiro acto requiren un enfoque diferente que se pode preparar dende o primeiro andar escollendo as cartas axeitadas.
  • Aproveitar todas as reliquias. Semella algo obvio, pero eu moitas veces vexo as reliquias coma unha vantaxe pasiva e non intento activalas expresamente. Por exemplo o arte da guerra engade un punto de enerxía adiciona se non xogamos ataques na quenda previa, mais eu seguramente tiraría un ataque de seis de dano en vez de aproveitar a bonificación.
  • Deixar preparadas as reliquias. Algunhas reliquias actívanse ó chegar a un determinado número de cartas xogadas e ese contador pasa dunha pelexa á seguinte. Neste caso é positivo se conseguimos deixalas listas para outorgar os seus efectos na primeira quenda do seguinte encontro.
  • Valorar máis as cartas cá enerxía. Na miña mente o colo da botella sempre foi a enerxía, pero ter máis opcións para empregala é mellor que empregar moita en accións subóptimas.

Eu aproveitei todo ese coñecemento para instalar o xogo na Steam Deck e darlle uns tentos. Primeiro foi co robot en ascensión 3, perdendo unhas poucas partidas pola miña falta de experiencia tanto co personaxe coma coa consola, xa que premín por erro o botón de rematar quenda en dúas pelexas contra elites sen ter xogado ningunha carta, o que significou unha morte próxima. Unha vez axeitado ó de xogar sen rato, decidín trocar de aires e probar o desafío de gañar unha partida cunha única reliquia. A elixida foi, de novo, a silente, xa que é a que teño máis controlada ultimamente. Pode que tardase menos do que agardaba en conseguilo, pero non foi un camiño doado e moitas veces pensei que non o acadaría antes de renderme.

Fracasei de todas as maneiras antes de conseguir a vitoria cunha única reliquia, pero a máis dolorosa foi aquela que escollín a opción de mellorar todas as cartas coa condición de non poder recuperar puntos de vida: estaba xa no terceiro acto cunha baralla nada mala cando aceptei esa proposición e obtiven unha reliquia para marcar o novo estado. Agora é obvio, pero amoloume abondo. Algunha outra xa estivo condenada dende o comezo cando troquei ó chou a reliquia inicial da silente pola estrela que só serve para obter reliquias a pares. Ó final a vitoria contra Donu e Deca viu dunha baralla de navallas con pouquiñas cartas pero case todas melloradas. Xogando na mesma quenda seis navallas con dobre precisión e dúas pocións que outorgaban entre ambas dez puntos de forza, conseguín facer un dano esaxerado a un Donu que ademais estaba vulnerable. O seu colega pouco máis tardou en caer.