Slay the Spire. Capítulo 7
Na anterior entrada falaba dalgunhas ensinanzas que puiden aprender de Baalorlord. Pero nesta serie de partidas nas que ascendín ata o nivel máis alto puiden darme conta das dúas diferenzas esenciais entre os nosos estilos de xogo. A primeira é que el xoga ben e eu non tanto. A segunda, que el aspira a gañar todas as partidas mentres que eu só quero gañar unha en cada nivel. Este último punto fai que tome moitísimos máis riscos, xa que non me importa tirar os dados para obter unha mellora inda sabendo que hai bastantes posibilidades de ter unha derrota temperá. E non me funcionou mal, a verdade.
Entre moitos fracasos no primeiro acto, conseguín poñer en marcha varias partidas cunha combinación de cartas e reliquias que me poñían moi por riba da curva de poder agardada, de maneira que gañei varias partidas inda que a miña pilotaxe non fose fina de todo. Un bo exemplo foi no meu primeiro tento no nivel de ascensión 20, onde conseguín chegar ata o segundo xefe cunha rama morta que é moi fácil de aproveitar con algunhas navallas. Só perdín porque decidín empregar unha poción de confusión para facer sitio para outra nova e saíu moi mal: incrementou o valor de moitas cartas da man, de maneira que non puiden xogar nada gratis (nin sequera o alquemizar+) e, cando volvín roubar todas esas cartas de custe elevado, rematei perdendo a posibilidade de defender do que seguramente sería o último ataque do deus-corvo.
Porque ata para iso tiven sorte. Cando atopaba algunha estratexia que me podía levar facilmente ata a vitoria por medio das navallas, nunca atopei o xefe final que limita o número de cartas xogadas por quenda. Desa maneira fun ascendendo pouco a pouco, moitas veces levado da man dun snecko eye que funciona estupendamente na silente. E, cando non, pois conseguía aproveitar algún tomo maldito ou, moreas de destreza de procedencia diversa. O máis importante foi, ante todo, o meu enfoque. Xogando na Steam Deck cando atopaba un oco, quiteille ferro ó asunto. Xa non estaba eu diante do ordenador preocupado por aproveitar ben o tempo e conseguir unha vitoria, senón que estaba comodamente no sofá comezando unha nova partida a ver que saía, sen importarme en absoluto ter unha derrota contra o primeiro elite por non ir ben preparado. Xa xogaría outra. Tampouco foi un drama cando perdín por un erro moi evitable esa primeira partida na A20 ou cando, tamén no primeiro tento, perdín a partida gardada diante do xefe final na A15 A por algunha incompatibilidade entre o sistema de suspensión da consola e o xogo.
O tramo máis duro foi o A17-A18, cando melloraron as súas habilidades os inimigos normais e os elites. Acostumado como estaba a gañar poder abondo para que os elites non foran moi perigosos, tiven que xogar bastante máis conservador e xogarma ás miñas habilidades contra os xefes no lugar de amasar reliquia tras reliquia. No comezo deses niveis pensei que era aí cando remataba o divertido e sería realmente un traballo seguir gañando, pero a verdade é que acabei acostumado á nova situación e, coa miña nova paciencia, foi só cuestión de tempo que conseguise o último logro que me quedaba: a vitoria en ascensión 20.
E agora si que vou poñer freo a este xogo polo de agora. Gustaríame xogar máis coas outras personaxes, especialmente o robot, pero foron unha morea de horas en non tanto tempo real, e a miña pila de xogos pendentes non remata de crecer. Quen sabe, se cadra dentro dun par de anos volvo outra vez con ganas abondo para ascender coas outras clases ou, incluso, vencer o corazón no nivel máis elevado. Algo que, por outra banda, penso que case ningunha das barallas que me deron a vitoria estarían moi capacitadas para ter feito.