<<

Mondays: a Sisyphean Typing Game

Nos meus tempos de universidade comecei a coincidir cunha vella amiga de cando en vez no transporte público. Moitas veces falaba do ben que fora a fin de semana, do fastío de volver á rutina diaria e dos días que faltaban ata o próximo venres. Eu simpatizaba a medias con tales afirmacións, porque conseguía atopar na meirande parte dos días algo positivo e pensaba que loitar por sobrevivir desanimado cinco sétimos do curso era moi triste. Xa incorporado no tamén triste mercado laboral sigo mantendo esa filosofía, pero entendo bastante mellor que moitos atopen na liberdade parcial do sábado esas ganas de vivir precisas para o resto da semana. Ante todo se o seu traballo diario é semellante ó de Mondays: a Sisyphean Typing Game.

Definido polos seus creadores como un xogo absurdista, a min no me parece máis absurdo que moitos postos de traballo. Consiste en escribir uns emails dirixidos ós compañeiros (ou vasalos) dunha gran empresa. As temáticas son variadas pero adoitan a poñer en cuestión moitos escenarios típicos das oficinas, engadindo toques de humor e de surrealismo. Como xogadores o único que teremos que facer e premer as teclas correspondentes do noso teclado para compoñer o texto que aparece na pantalla. Un único erro e teremos que volver o comezo e repetilo outra vez. Non hai presións temporais nin trucos: trátase dun xogo de mecanografía moi básico nese aspecto. Non obstante, eu non fun alleo a eses erros, e créase unha presión por facelo ben na que xa dubidas de se realmente o R segue estando no mesmo lugar que sempre ou te maldís porque un dedo esvarou e premeu unha tecla adicional.

Curiosamente a primeira referencia que lembro a Sísifo foi nun videoxogo, o Zeus: Master of Olympus. Alí era tamén un traballador o que se sentía coma o fillo de Eolo por ir de aquí para acolá levando cousas durante toda a eternidade. Neste Mondays a metáfora é máis directa e, con cada tecla pulsada, o noso avatar empurrará un pouco máis a súa roca ata que, sen podelo evitar, baixe de novo rodando, simulando o inútil tanto do traballo diexético como o noso como xogador, xa que estamos transcribindo exactamente un texto que xa está escrito. E a bóla baixará incluso se conseguimos completar o texto sen erros, inda que obteremos un multiplicador á paga do traballo, polo que hai incentivo por facelo ben. Eses cartos pódense gastar en detalles cosméticos ou en conseguir novos traballos máis longos, o cal é necesario para chegar eventualmente a ver os créditos do xogo. Non ten máis, pero funciona ben en todas as súas vertentes e resultoume unha maneira ben curiosa de pasar menos dunha hora.