<<

As Crónicas de Gáidil. Creación de personaxe

As Crónicas de Gáidil é o xogo de rol galego por excelencia e por falta de competencia. Cunha ambientación que imaxina unha Galiza castrexa e fantástica na que moran tanto Mouros Ananos coma Elfos das fragas, as regras iniciais de personaxe só inclúen a creación dun Guéghal, un humano, polo que tirarei por aí. Vaia por adiantado que este exercicio está pensado para que eu poida botarlle un ollo as mecánicas, e non como fonte de verdade ou titorial. Para cousas dese estilo xa está a canle da Lamia Escura.

O primeiro que hai que facer e rolar un dado de seis caras, sumarlle cinco e repartir o resultado entre corpo, mente e espírito. Non sei como de importante serán, xa que hai moita varianza aí, pero cun tres na miña tirada podo deixar os valores en 2/1/5 respectivamente: o corpo queda dentro da media humana, a mente por debaixo e o espírito no máximo posible. Canto mellor fora esa tirada máis dados de ánima tamén teremos; neste caso son cinco para repartir entre loita e arcano. Supoño que unha división 2/3 semella axeitada para esta personaxe indeterminada.

Vou seguir coas mecánicas e logo xa irá cobrando vida. O seguinte é escoller una caste dun listado medianamente extenso e que se corresponde coas diferentes partes xeográfica de Gael-leach. Cada unha outorga un pequeno bonificador a dúas habilidades polo que resultan, se cadra, máis interesantes como parte da ambientación. Escollerei a dos leunos, que son especialistas en cantería e curación e se corresponden coa zona do que sería o noso Porriño [ou Mondariz pola mención ás augas quentes?], máis ou menos. A seguinte elección si que é puramente roleira, xa que escoller un vencello non ten ningunha influencia mecánica directa. Algúns non encaixan ben coas características da primeira parte e os animais espirituais xa están moi vistos, polo que optarei polo ser vencellado á cerdeira: “doce e bo; agarimoso e de trato doado”.

O cuarto punto consiste nunha tirada ó chou (con posibilidade dunha única repetición) para determinar un trazo familiar. O meu resultado foi “somos do monte: +1 a natureza e +1 a orientación”, que encaixa bastante ben cunha cerdeira. Para escoller unha profesión basta con atopala na lista e sumar as habilidades que aí aparecen. Penso que ben podería ser un “home das fragas” muller, das que prefiren a compaña das bestas e árbores. Desta maneira ten un +2 a rastrexo, +2 a natureza, +1 a agricultura, +1 a gandería, +1 a unha arma (direi xavelina) e +1 a “andar ás…” (direi pedras de cantería). Cos puntos de balde incrementamos a xavelina a +3, inauguramos veneración cun +4 e estreamos as habelencias de apócemas e chamada cun punto en cada unha. Só resta asignar a faceta do punto de renome, para o que escollerei presenza, e calcular a saúde (7) e vontade (6).

Non podo gardarme o feito de que, xusto na páxina na que se mencionan ós “homes das fragas” aparece o primeiro debuxo dunha personaxe claramente feminina deste libro. Trátase dunha muller que se atopa espida e crucificada nunha árbore. Máis adiante aparecerán un par de guerreiras moi inspiradoras, outro par de redeiras moi escotadas e algunhas femias monstruosas, todas debuxadas por Víctor Rivas e nunha inferioridade numérica moi ampla respecto ós homes.

Agora toca a parte máis interpretativa, para a que o manual suxire unhas preguntas inicias que responderei aquí mesmo:

  • Quen es? Son Brixa Meic Anami, “a Flexible”, membra do clan Anami e a primeira persoa coa que todos deben falar antes de entrar no castro.
  • Como es? Disque a miña voz atronadora agocha a habitante máis suave de toda a zona. Cun peso de menos de sesenta croios non impoño moito fisicamente, pero hai algo nos meus ollos acastañados que fai que os demais manteñan o respecto. Intento vestir o máis comodamente posible por se hai que fuxir, loitar ou cazar.
  • De onde vés? Segunda filla do meu pai; terceira, e tristemente última, da miña nai. A súa ausencia, tan temperá, marcou toda a miña vida, xa que tiven que ocuparme das tarefas mercantís namentres o meu pai e irmás adicábanse ás labores máis físicas. Iso fixo que me convertese na persoa máis recorrida da casa. Co tempo tiven a oportunidade de facilitar intercambios para outras familias, e foi así como fun sendo máis e máis imprescindible para o clan.
  • Que fas aquí? Dentro do clan teño as tarefas de portavoz para todos os asuntos foráneos. A miúdo teño que afastarme da aldea para abrir novos intercambios o que me axuda a coñecer xente nova, algo que me gusta moito. Na miña casa din que son demasiado aberta e branda, pero no fondo saben que a única maneira de conseguir favores de segundo que xentes. Penso que tamén teñen algo de ciúmes porque, entre nós, todos os de aquí son un pouco toxos para esas cousas.
  • A onde vas? A verdade é que non teño moitos plans a longo prazo, gústame vivir ó día. Non me importaría ter os meus propios fillos, pero para iso tería que atopar a persoa axeitada coa que encaixe ben. Tería que coñecer máis xente, pero seguramente esa persoa sexa de fóra da vila.