<<

Novo lar

Levaba un tempo que non estaba moi contento con WordPress, así que decidín desfacerme del e obtar por unha solución baseada en ficheiros planos con Jekyll. Se non saíu mal a migración, debería ter todo o mesmo que antes nas mesmas direccións. Mais se alguén se decata de algo que non encaixa, ten algunha suxerencia sobre o que sexa ou simplemente quere falar comigo, que se poña en contacto. A vía oficial é o email a lar@xogon.eu, pero calquera outra que teñades tamén vale.

Porque nova esta iteración vai sen sistema de comentarios, xa que só tiven uns poucos por ese medio (que agradezo de novo de todo corazón), a meirande parte viña por vías privadas (os que tamén agradezo) e manter o sistema libre de publicidade non desexada sen mandar os datos a un servizo externo tamén era un choio que non compensaba.

Unha das motivacións principais para a mudanza vai precisamente por ese camiño, xa que agora teño máis claro como funciona todo e non teño que confiar en que Wordpress non teña comportamentos que eu non desexe. Entre outras cousas, agora a páxina constrúese unha vez e sírvese para todo o mundo de maneira estática, o que debería diminuír o consumo de recursos considerablemente. En realidade todo é un pouco máis ideolóxico ca outra cousa, porque para a ducia de persoas reais que chegan a ler isto (sendo xenerosos) tampouco é que precise unha central nuclear, pero penso que unha páxina web lixeira tanto para o servidor como para as consumidoras é un beneficio incuestionable.

Inda que xa está funcionando, teño varias liñas de traballo para melloralo. Entre outras: o sistema de publicación é máis manual do que me gustaría, penso que é bo momento para galeguizar esas direccións que falan de “tag” e “category”, e seguramente queira aproveitar que agora sei ben como facer páxinas novas para organizar todo mellor e implementar pequenas funcionalidades novas. Mais, como xa dixen no parágrafo inicial, centreime en recrear o que xa tiña na versión anterior e estou contento co resultado. Agardo que vós tamén.