<<

Aureole

Unha das miles de ideas que tiña para esta páxina era, como bo xogón galego, procurar, probar e, idealmente, completar todos os videoxogos da nosa terra. Atopei por aí unha base de datos para empregar como punto de partida, mais abandonei cedo a idea porque todos os do século pasado semellaban ser para Windows e non teño unha instalación habitual para xogalos. O meu plan era avaliar cada un nas catro categorías do acrónimo XELGA, onde o X era algo coma xogabilidade, o GA algo coma galeguidade e xa atoparía algo para explicar as outras dúas letras. Facíame graza o de ter xogos XELGA 2 e buscar os míticos XELGA 5, agardando que existan. Pero todo iso non prosperou e este Aureole é o primeiro videoxogo de aquí que aparece neste diario.

Cun precio de balde para Android, era difícil non probar este traballo de Elvendwarf, un desenvolvedor tan prolífico que el só fai que o proxecto XELGA sexa moi ambicioso. De feito, parei neste Aureole logo de completar tan só 15 dos 45 niveis do modo principal. A parada foi en parte debida precisamente ó clásico sistema de xogos de balde para móbiles, onde hai moreas de anuncios doutros xogos en cada sesión e tamén un límite artificial das vidas que se recuperan agardando ou vendo máis publicidade. De primeiras eu optaba por agardar dun día para outro, pero un día decidín ver un anuncio para continuar e descubrín un agradable (para min) erro de programación, xa que dende ese intre cada anuncio obrigatorio que pasaba pola miña pantalla outorgaba outra presada de vidas sen penalización. A solución menos cotrosa pasa por pagar para quitar os anuncios, pero semella que o límite de vidas mantense igualmente, o cal xa me parece moito.

Mais no terreo dese X de xogabilidade case levaría a puntuación completa. O sistema de movemento é ben doado de entender e intuitivo, deixando marxe abondo para xogadores pacientes e para aqueles que miran constantemente o reloxo do recuncho co gallo de minimizar o número de segundos precisos para completar cada nivel. As únicas pexas son algunhas trampas visuais que teñen certos escenarios nos que non fica nada claro por onde pode pasar a auréola e que hai algunhas veces que o chimpo inicial pode saír gratis por estar en contacto co chan, simplificando algúns desafíos e xerando un pouco de frustración cando queremos abusar desa mecánica e non sae ben. Mais ambas son dúas cousiñas menores que non pasan de anécdotas.

E, non obstante, malditas ganas teño de continuar co resto de retos agora mesmo. Se non existise o tema dos anuncios e das vidas limitadas no tempo, quizais podería tentar superar un nivel cada día e dalo por finalizado nun mes máis (que se di rápido), pero prefiro non ser obrigado a ver outra vez un falso avance dun videoxogo que non ten nada que ver co anunciado. Tamén é certo que o teño máis curiosidade é por saber se haberá máis escenas coma a inicial na que os demos atacan a un anxo-vixía, que serve tanto como punto de partida da auréola protagonista coma para darlle algún sentido a tanto movemento a través dos diferentes escenarios. Quero pensar que, polo menos, existirá un final que funcione de recompensa a tanto esforzo, pero todo apunta a que quedarei sen velo de maneira oficial.

P.D: chegoume unha notificación da propia aplicación dicindo que tiña que xogar máis. Desinstalado.