<<

Monster Hunter: World. Capítulo 4

O que máis marcou a serie de sesións que resumo nesta entrada é que fixen o que me petou cando me petou, unha actitude ben sabia para gozar dun xogo, se teño que dicilo eu.

Nos primeiros compases decidín completar algunhas das misións secundarias que había dispoñibles, as que máis me apetecían en cada intre sen importar a súa recompensa ou a súa dificultade. Logo avancei un pouco nas obrigatorias até que tocou cazar dous monstros para os que non estaba moi preparado, polo que boteille un ollo ás misións de eventos que tiña un pouco abandonadas. Curiosamente unha delas consistía en dous monstros encerrados na arena, sendo un deles o que tiña que cazar para avanzar na historia. Sen ter que perseguilo por todo un escenario xigante e deixando que batese contra o outro, non foi especialmente duro de conseguir e, contra todo o meu prognóstico, validoume para avanzar na historia. Tamén precisaba cazar un Diablos, mais para ese non parecía haber atallo posible e non estaba nin un pouco preparado.

Arena dupla

Aproveitei entón para fabricar un par de armas que non probara: un martelo xigante que se emprega a dúas mans e un espeto con insecto. A primeira soábame a que sería semellante ó espadón que tanto manexei, pero na práctica é algo máis complicado e non me convenceron os movementos ofensivos, centrados en golpear na cabeza do rival para apampalo. A segunda non ten nada que ver, xa que outorga unha mobilidade moi elevada permitindo incluso dar chimpos incribles que axudan moito a cabalgar os colosos, ten moitos ataques moi rápidos e inclúe un insecto xigante que hai que mellorar á parte que tamén podemos manexar indirectamente para que ataque. Na práctica atopei que batía moreas de veces nos inimigos pero estes aguantaban afoutos sen importarlles moito, e as misións de proba que fixen diría que duraron moito máis inda que non parase de golpear. Con todo, decidín volver a miña arma de referencia que ten uns movementos sinxelos e lentos que non me fan premer os botóns coma se fose un neno de 7 anos xogando algún Tekken.

Arma espeto

Algunhas desas misións de práctica foron na arena especial: un lugar novo onde parece que van os monstros capturados e onde podemos loitar contra eles empregando armas especiais coma canóns, trampas de rocas ou algo chamado matadragóns que ten pinta de doer moito. A verdade é que, aquí máis que nunca, o xogo ten reminiscencias desas touradas que aborrezo na vida real; só faltaba algo de público para observar aquela masacre sen necesidade. É unha mágoa que algo tan pouco respectuoso sexa parte do xogo, xa que debería de haber marxe abondo para tentar facer un Monster Hunter postcolonial, xa que parece obvio que na saga van dando pequenos pasos para fuxir do concepto de caza por deporte e achegarse máis a unhas necesidades máis naturais nuns ecosistemas complicados.

Fogos

Pero, entre unhas cousas e outras, tiña montañas de materiais listos para ser empregados, polo que aproveitei para mellorar bastante as miñas armaduras e saír na caza do Diablos. Non foi doado pero conseguín unha vitoria por pouco, desbloqueando unha misión especial contra Zorah Magdaros que fai ás veces de división entre o nivel de cazador baixo e o alto. Pouco máis xoguei dende entón, pero desbloqueáronse novas árbores de armaduras e armas que empregan compoñentes máis raros dos monstros de sempre, que agora se poden cazar de novo nunha dificultade máis elevada. Non sei se isto solucionará algúns dos problemas que esbocei na entrada anterior, pero teño bastantes ganas de ver como evoluciona. Vémonos en Astera! Ou non, porque o modo en liña nin o toquei.