Monster Hunter: World. Capítulo 5
A misión especial contra Zorah Magdaros que mencionei na entrada anterior consiste en afastalo de onde pode causar moito dano para que fique tranquilo no océano. É unha destas tarefas máis cinemáticas onde nos atoparemos camiñando polo lombo xigantísimo do monstro máis grande do xogo (polo menos ata o de agora) na busca duns grans que serven como punto vulnerable. Nalgún intre aparece unha Nergigante que hai que afastar e logo toca descabalgar e dispararlle a Zorah con béstas, canóns e co matadragóns. A verdade é que resulta ben aburrido e leva moito tempo, polo que non fiquei moi contento cando vin que de cando en vez aparecen unha misión especial no taboleiro para repetir esta defensa. Fíxena unha vez máis, o cal confirmou que non é divertida, e deixei correr o resto. Penso que só serve para atopar materiais especiais polo que non me paga a pena agora mesmo.
Polo resto non houbo moitas sorpresas. A aparición dunha Rathian rosa serve como anticipo a pequenas variacións nos monstros coñecidos e por fin desbloqueei o que parece a última área do xogo con, polo menos, tres monstros novos que dan un pouco de medo, e a posibilidade de abater á Nergigante, o que serve de transición para o seguinte rango de misións. Eses encontros son contados de mellor maneira no Romance da Nergigante:
Era unha noite de lúa,
era unha noite crara,
eu xogaba no sofá
e mañá traballaba.
Topei unha Nergigante
que moraba ó par da lava.
Ela camiñaba sen feridas
e impoñente ameazaba:
Xandra que vés de Astera,
Xandra que vés armada,
non loites comigo
ou resultarás finada.
A miña espada me axude,
e a armadura me valla,
pero no primeiro encontro,
rematei desmaiada.
Mais outra vez loitara,
e desta eu si gañara.
Era unha noite de lúa,
era unha noite crara.
O seguinte que toca facer é rastrexar e (supoño) darlle caza a tres monstros que andan por aí espallado, que non sei se serán os mesmos que atopei no Leito dos Anciáns. Botándolle un ollo á listaxe de armas e armaduras, parece que podo obter bastante máis poder apañando materiais das Nergigantes, xa que as miñas armaduras andan polos rangos 5-6 e as desa besta son 8. Coido que comezarei a seguinte sesión repetindo esa caza e mirando como vai iso de facer infusións de materiais para obter algúns novos, xa que foi algo que non lle prestei atención polo de agora. Agardo que toda esta inversión non sexa en balde e remate totalmente desfasada antes de subir ó que semella ser o último rango de misións do xogo principal.