Etrian Odyssey III: The Drowned City. Capítulo 5
Pasaron varios meses na vida real ata que me decidín a volver a este xogo no cuarto estrato. Destra vez a temática principal eran trampas de navegación, pero foi un pouco decepcionante. Primeiro introduciron unhas portas especiais que se abren remotamente e que se pechan se entramos nun sentido en particular. Eu tardei en decatarme diso xa que moitas veces aparecían a pares e eu notaba que unhas se pechaban e outras non, polo que pensei que era cuestión de acertar co camiño polas que non se pechaban. Coido que ese razoamento foi abondo para case todo o primeiro nivel do estrato. Cando finalmente deducín a lóxica xa tiña o mapa debuxado con marcas equivocadas, pero eran abondo para percorrelo sen dar voltas de máis. Nos niveis máis profundos aparecerían algunhas máis destas portas e aí si que empreguei as cores para marcar a casa en particular que pechaba cada unha. Non houbo sorpresas de ningún tipo nin intentaron en ningún momento darlle un xiro para confundir o xogador.
Si que me despistou un pouco o segundo nivel do estrato e décimo cuarto do alxube. Atopei case inicialmente os chanzos de baixada tras unha pelexa non moi complicada para o nivel das miñas personaxes, polo que decidín desistir no de pintar todo o mapa e fun directo cara a seguinte zona. Alí, como xa ben sendo habitual, pintei un muro de máis e logo non atopaba maneira de progresar por moito que estudaba o mapa, polo que volvín a ese nivel 14 a ver se atopaba algo que explicase o atasco. Non foi así e só volvín ó 15 con máis experiencia e cunha misión secundaria feita. Tratábase unha desas de premer botóns que fan que aparezan/desaparezan algunhas pezas ata que xa non permaneza ningunha. Coma sempre neses casos dinlle ós botóns ó chou ata que soou a musiquiña de crebacabezas resolto. Logo descubriría o muro que estaba pintado de máis e continuaría por aí a aventura ata o xefe final de estrato. A pelexa non foi especialmente complicada e supereina á primeira, poñendo manifesto que supero os niveis de experiencia esperables para este punto.
Uns niveis de experiencia que tampouco estou a aproveitar moitísimo. Xa vai boa que teño a meirande parte das habilidades interesantes ó nivel que quería, porque en moitos casos a suba de potencia vén acompañada dun maior consumo de puntos de maxia. En moitos casos podo atopar algunha pasiva ou habilidade condicional que mellore un pouco cada personaxe, pero nótase que non hai moita sinerxía entre as clases principais e as secundarias; cousas de telas escollido sen planificar, do cal non me arrepinto nin un pouco. Sabendo ademais que estou no último estrato da historia principal, penso que seguirei con esas melloras mínimas e non empregarei as funcións de volver repartir de novo eses puntos de habilidade a cambio de niveis de experiencia. Seguramente poida compensar esa carencia de eficiencia tentando facer os movementos axeitados en cada quenda.
No terreo marítimo coido que non avancei absolutamente nada, polo menos no segundo empurrón que teño máis fresco. Teño moreas de loitas especiais por disputar pero fiquei atascado contra un golem que, ó chegar un determinado momento, faise inmune a moitos ataques e mata o meu equipo e os convidados cos contraataques. Supoño que aquí encaixaría iso de “tentar facer os movementos axeitados en cada quenda”, pero das tres veces que o intentei, nunca me fixei abondo no que estaba pasando como para ter un plan claro de actuación. Como sexan así tamén os xefes finais vou ter para moito tempo con este terceiro Etrian Odyssey. É probable que a seguinte entrada xa sexa a última, mais a saber cantas horas de xogo e meses na realidade poden pasar entre medias.