<<

Slice & Dice. Capítulo 1

No ano 2009 tiña pensado gañar algo de diñeiro facendo aplicacións móbiles para Android pola miña conta. Deixei todo preparado, aprendín os básicos máis básicos pero nunca fixen nada útil e, obviamente, nunca gañei un peso. Pode que fora porque non tiña as ideas, porque non tiña a motivación, porque o Heroes of Newerth entrara na miña vida ou porque os usuarios tampouco deixaban moitos cartos no mercado de Android. Sen dúbida, eu son un deses que non merca case nada aí, xa que dende ese ano que tiven o meu primeiro teléfono intelixente debín mercar unhas tres ou catro cousas, sendo xenerosos porque agora mesmo só lembro o Tasker e o Slice & Dice deste artigo.

Combate

Todo comezou inocentemente co acceso á demo do videoxogo. Sen publicidade nin transaccións máis aló de mercar o xogo completo, parecía unha forma inocua de pasar uns intres. Craso erro. Os doce niveis (no canto dos vinte do xogo completo) semellaban abondo para ter unha experiencia completa inda que as personaxes e dados estivesen limitados a un subconxunto dos totais. Mais logo de superar a dificultade media, a difícil e perder na insensata tiña moitísima curiosidade por como puideron seguir evolucionando ese deseño de aparencia tan sinxela e execución tan precisa. E pasei por caixa. E non me defraudou nin un pouco.

Vitoria

Partida a partida fun entendendo un pouco máis todas as áreas do xogo e o refinadas, sen excepción, que se atopaban. Non é que só o modo principal funcione ben e nos anime a xogar quenda tras quenda e loita tras loita para ver a seguinte mellora e saber se superaremos, esta vez si, ó xefe final. Senón que hai moreas de modos adicionais para cando rematemos o non tan complicado modo normal e unha morea de logros para ir desbloqueando. Cada un deles, ademais, desbloquea algunha personaxe ou obxecto novo que, sen ser estritamente superiores ós básicos, dan moita máis variedade ó asunto, algo que é moi preciso neste xogo.

Logro

Eu confesarei que xoguei moito en moi pouco tempo coa escusa de levalo sempre no peto e poder ter interaccións de segundos cun avance palpable. Fun saltando de modo en modo sen prestarlle moita atención en particular a ningún ata que cheguei ó blursed, que non ten fin e vai outorgando bendicións e maldicións permanentes cada certo número de niveis. Levaba xa varias voltas cando, supoño que máis por aburrimento que por outra cousa, xa que ía gañando de sobra todos os combates, decidín escoller unha personaxe moi arriscada con pouca sinerxía e, ó mesmo tempo, engadir un desafío complicado adicional ó seguinte combate. Esa hidra foi demasiado para os meus inútís xemelgos e fiquei con cara de parvo ó ver que perdín no nivel 91. Se polo menos chegase ó número 100 quedaría algo máis satisfeito, pero non sei canto tempo me levou e, agora mesmo, non teño maior interese en repetir a fazaña.

Erro

Non obstante, o xogo permanece instalado no móbil e non descarto volver a el hoxe mesmo, inda que descoñezo que modo escollerei ou se tentarei ir na procura dalgún logro novo, se cadra nunha dificultade doada para non terlle que dar moito á cachola e simplemente gozar de como rodan os dados e as cabezas dos inimigos.