<<

Blockee Story - Dungeon 18

A primeira vez que xoguei o Ticket to Ride foi nunha adaptación dixital oficial. Van moitos anos diso, pero lembro que incluía un titorial que amosaba todas as accións que se podían facer e como, pero non por que. Entón pasei uns dez minutos movendo as cartas dun lugar para outro segundo obrigaban pero non me decatei absolutamente de nada. Algúns meses máis tarde probei a versión física (a pesar da aplicación dixital, non grazas a ela) e non tiven problema ningún en entender os catro elementos que compoñían o xogo e como intractuaban uns cos outros. Este Dungeon 18 para Android tamén intenta amosar como funciona a interface cunhas guías iniciais e tamén fracasa de maneira absoluta. Tampouco axuda que esas mensaxes de axuda non se poidan volver activar nunca e que non haxa unha frase sen a súa gralla.

Heroes

Foron varias as partidas que pasaron ata que entendín un pouco o sistema e os obxectivos, mais inda logo tiven que atopar información na maldita Fandom e nas contestacións do desenvolvedor nas críticas do xogo. Visto agora non é que teña tanto truco, pero penso que os detalles dos combates son case inescrutables e precisaría unha enxeñaría inversa curiosa para entender as interaccións de todos os números que aparecen na pantalla. E precisamente entender esas matemáticas é fundamental para xogar axeitadamente no modo principal. E mellor non falo das habilidades especiais, xa que algunhas poñen algo como “fai máis dano estando ferido” pero a implementación é algo totalmente descoñecido para calquera xogador, por moito que lea toda a wiki ou comentarios do desenvolvedor.

Incursión

A idea é ir combatendo contra os habitantes dun alxube ó mesmo tempo que melloramos o noso equipamento e estatísticas. Se o facemos ben, e a sorte está do noso lado (a miña intuición é que non todas as configuracións son gañables), poderemos vencer o Rei Esqueleto e gañar a partida. Con cada personaxe que academos iso, poderemos xogar no modo coliseo, cuxo obxectivo é preparalo para o modo Ragnorak (unha mestura de Ragnarok e anorak, supoño). Iso ben sendo unha loita contra un titán co noso grupo de aventureiros. As mecánicas son totalmente diferentes do modo principal e tamén tiven que investigar para entendelas minimamente. Vencer os titáns outorga recompensas para os aventureiros do modo principal, algo totalmente innecesario a non ser que busquemos maximizar a puntuación, algo que, se cadra, é máis doado reiniciando a partida ata que apareza o anel que duplica a velocidade e moitas melloras nos inimigos iniciais.

Titán

Coido que lle adiquei moito máis tempo do que merecía, pero tiña boa curiosidade por todas as mecánicas e por saber se realmente había unha xema soterrada aí abaixo. Pode que simplemente fose unha pedra, pode que para outros sexa un diamante ou pode que a verdadeira xema fora toda a ilusión de descubrir un videoxogo tan opaco. Non sei. Quédome coas ideas xerais, como a de empregar compoñentes nativos para agochar todas as mecánicas (algo que me lembrou ó inda menos recomendable Swarm Simulator, que é un xogo claramente feito con Bootstrap), o de varios modos de xogo que se retroalimentan e con esa mestura de xogo de alxubes e solitario de cartas, que é un pouco do que veñen certas reminiscencias.