<<

Pikmin. Capítulo 2

Hai unha nota no diario de a bordo do Capitán Olimar que expresa as súas dúbidas sobre algo que xa me preguntara eu con anterioridade: os pikmins son tan violentos no seu estado natural cando no son manipulados? Parecíame bastante agresivo o de manexar un alieníxena que manda sobre todos eles e que, en moitos casos, consegue que moitos morran sen necesidade. No desafío final isto foi máis pronunciado que nunca, xa que non conseguín manexar ben o meu exército de plantanimais e o emperador deu conta de centos deles antes de caer, algo que só era preciso polo egoísmo do protagonista. Por sorte, nos créditos finais vemos que os propios pikmins atacan en manada un becho que pasaba por alí, deixándonos un pouco máis claro que, efectivamente, non teñen problemas en loitar ata cando non están dirixidos por ninguén. Ou, se cadra, iso foi o que aprenderon do bo de Olimar e agora andan soltos pola galaxia dispostos a esgotar vidas noutros planetas.

Violencia

Foron tres días, dentro do xogo, os que precisei para obter esa última peza da nave, pero entre medias repetín bastantes porque non foi nada doado. No primeiro simplemente abrín o camiño ata o inimigo, o que precisou movementos moi precisos dos pikmins amarelos para que puxesen bombas no camiño sen afogar antes. No segundo foi a gran loita, contra un xefe estilo Miyamoto que abría a boca para que lle puxeramos unha bomba dentro, deixándoo vulnerable os constantes ataques dos pequenos aliados. O meu resultado foi moito máis caótico que iso pero finalmente obtiven a vitoria case ó final do día. No terceiro simplemente transportei a peza de volta á nave e vin o suposto final bo e os créditos.

Estatísticas finais

Por sorte quedábanme catro días virtuais para obter esa última peza, así que tiven tempo de sobra. Iso foi posible a que xa mellorara a miña autoridade sobre os pikmins e era capaz de apañar un par de pezas da nave nun único período de claridade nos niveis previos. O penúltimo nivel agochaba dez delas e ningunha especialmente remota, inda que moitas requirían algúns paseos interesantes e evitar ou aniquilar algún tipo de vida autóctona. Aí explorei algo máis das posibilidades deste xogo, a miúdo preguntándome se de verdade era preciso ter incluido ese compoñente de loita tan presente. Se cadra podería ter sido unha revolución inda máis grande se collese esas bases do xénero pero evitase o combate real, simulando cousas similares con crebacabezas ou mostras de forza contra os outros animais.

Confusión

Tamén gocei co ton da narrativa. Con cada peza atopada aprendemos un pouco máis de Olimar, da súa familia e da súa nave, e resultoume doado sentir mágoa por el. Está lonxe dos seus, cun equipamento que claramente non está a altura da misión, sendo máis un calote ca outra cousa. Alégrome que ó final poida (en teoría) volver á súa casa, por moito que ese mes fixera moitos pequenos amigos. Acompañalo foi unha experiencia placentera, moito máis cómoda que as partes de estratexia en tempo real do Brütal Legend cun enfoque moito máis limpo e claro. É probable que un día destes continúe coa segunda secuela a ver que sorpresas agocha!