<<

Fairy Bloom Freesia. Capítulo 2

Volvín antes do que contaba para seguir avanzando no modo gardián, e converteuse en obvio que non ía parar ata superar os 99 días que o compoñían, xa que non era eterno coma eu pensaba. Sobre o papel semella moito máis complicado que a campaña na dificultade normal, pero a verdade é que non tiven moitos problemas e só unha vez perdín as tres vidas que limitan cada etapa. Iso incluíu varios niveis onde aparecían os xefes en parellas e ata a Freesia Escura que fai de xefa secreta e que conseguín vencer á primeira. A verdade é que se nota que controlo moito máis a protagonista que antes deste desafío, inda que non faga moito máis que bloquear cando toca e atacar sempre do mesmo xeito.

Vórtice

Quizais esa posibilidade de repetir sempre as mesmas ofensivas é algo que se podería desincentivar. Nos Devil May Cry é preciso combinar todo o noso arsenal para poder obter o máximo de puntos de estilo, mentres que nalgúns Super Smash Bros. semella que diminúe o dano dos ataques que repetimos. Calquera desas dúas solucións podería resultar válida aquí tamén, xa que abusei moitísimo da combinación de dous golpes que remata cunha patada voadora, xa que serve tanto para empurrar os bechos pequenos, como para non comprometerse contra os grandes e axuda moito a esquivar as xefas de tamaño humano pasándolles por riba. Se existise algunha motivación para sacar máis repertorio seguramente resultaríame máis apetecible o de combinar os diferentes ataques e movementos mentres bulo de alí para alá tentando manter alto o número de combo.

Patada

E esa é outra cousa que tamén tocaría un pouco. Agora mesmo existe unha bonificación ó final de cada día que depende do maior número de golpes consecutivos acadados, algo que normalmente chega a dúas ou tres centenas. Non é moi complicado mantelo durante todo o nivel porque pode pasar tempo abondo entre un golpe e o seguinte, permitindo incluso ser golpeada e caer ó chan. Iso non está mal por si mesmo e podería manterse, pero é un pouco frustrante que, tan pronto como o contador comeza a desaparecer indicando que o combo rematou, o combo remata. Eu adiantaría un poco ese esvaecemento para permitir reaccionar a el e que se sinta mellor salvalo no último intre. O outro detalle que también intentaría buscarlle solución é que só conte o maior número de cada día, o que provoca que moitas veces xa sepamos que non hai marxe para superalo e, por tanto, non resulte tan divertido facer que siga subindo.

Parabéns

Pero, con todo, o xogo prestoume ben. Tanto que, logo de rematar o modo guardián, xoguei de novo a campaña principal nos seguintes niveis de dificultade; non me deron moitos problemas agás algún nivel de protexer os vórtices. E, cando rematei iso, púxenme a ver como conseguir os poucos logros que me faltaban para telos todos. Levoume, en total, unha ducia de horas. Un tempo que considero ben empregado para un xogo que levaba aí oculto na miña ludoteca toda unha década.