<<

Inazuma Eleven. Capítulo 1

Ó igual que fixen para xogar o Pikmin, tamén fixen unha enquisa no mesmo grupo de amigos no que resultou gañador este Inazuma Eleven sobre outros dous xogos protagonizados por menores de idade e que comezan polo I: Illusion of Time e ICO. Gañou por un único voto sobre este último e, dalgún xeito, non me sorprendeu. Pouco sabía eu desta saga máis aló de que é o Oliver e Benji deste milenio e que tiña boa aceptación entre a rapazada. Sorprendeume que todo comezase polo videoxogo, co manga e o anime saíndo despois. Entendo que a versión europea que eu estou a xogar inclúe a canción e escenas feitas para a televisión que non aparecían no xaponés orixinal, porque dá a impresión de non estar pensadas para a pantalla e o estilo da Nintendo DS. A verdade é que me entrou bastante ben con toda esa produción tan completa. Non sei se será a primeira vez na miña vida que atopo un opening con canción en castelán nun videoxogo. Unha vez pasado o choque, e sen decatarme de todos os detalles da trama que había aí expostos, seguín coa Steam Deck con ganas de descubrir máis.

Opening

O xogo comeza lento, expoñendo con calma a situación e o personaxe principal que manexaremos: un gardametas chamado Mark Evans con tanta ilusión polo fútbol que desborda cara todos os do seu redor. Pero ilusión por xogar e mellorar, non por aprenderse os aliñamentos de todos os equipos profesionais da primeira división do seu país nin por peitearse coma o delantero máis millonario do continente. Movendo os pés de Mark percorreremos o colexio tratando de convencer a varios compañeiros para que se apunten ó equipo de fútbol antes dun partido decisivo que podería marcar o fin da práctica dese deporte no colexio. Neste caso a mecánica é simplemente atopar os catro interesados, mais xa sei que hai moitas outras personaxes que terán condicións máis complicadas para ser recrutadas. Logo da miña experiencia co Suikoden, penso que todas aquelas que teñen imaxe propia poderán ser incluídas no equipo dun xeito ou doutro. Supoño que non todas terán habilidades únicas, e tendo en conta que xa vexo que algunhas teñen números moi inferiores a outras, pode que moitas sexan de recheo.

Adestramentos especiais

Pero nas menos de dúas horas que xoguei, só apuntei eses catro no equipo para ter os once xustos para o partido contra os campións. Foi entón cando puiden adestrar por vez primeira nunha pachanga, que perdín, repetín e perdín varias veces antes de marcar o meu primeiro gol. Pode que non axude a pantalla táctil da Steam Deck, xa que non son tan preciso nela co dedo como o podo ser na DS co lapis, pero déuseme realmente mal o de marcarlles rutas ós xogadores en tempo real. A confirmación chegou pouco despois nun minixogo contra o equipo de sumo que tiven que repetir unhas catro veces antes de conseguir a vitoria. Non sei, poño as miñas esperanzas en que, máis adiante, torne todo un pouco máis a xogo de rol onde os números e as vantaxes de tipos importen máis que ese manexo.

Lapis

Pero precisamente ese mal facer pola miña parte foi o que foi espaciando as catro sesións que xoguei, e foi case un milagre que, no partido oficial, conseguise marcar o gol que requería a historia á primeira. Ou, tamén é probable, todo estaba amañado para montar esa narrativa sobre a que o equipo do colexio encaixa vinte goles antes de que apareza Axel para salvalos cunha técnica especial para marcar o gol que garantirá o futuro do equipo do colexio. Xa que, ó igual que esas técnicas especiais, toda a narrativa é moi excesiva. Dende a historia de Axel culpando o seu fútbol do accidente da irmá, ata o avó do protagonista principal que morreu deixándolle ó porteiro os segredos máis profundos do deporte nun caderno escrito a man, todo está disposto nun estilo típico de ficción xaponesa orientada a rapaces. E non sei, polo menos a día de hoxe, é algo que me apetece. Se non sufrise tanto coa parte activa dos partidos, diría que xa tería medio rematado o xogo a estas alturas.